A Spidergirl que pasou de gabear pola casa a empoleirarse nos podios

CAMBADOS

MONICA IRAGO

A piques de cumprir os 11 Naia Rodríguez vén de sumar a prata nacional ao título galego no seu primeiro ano na ximnasia acrobática

18 may 2017 . Actualizado a las 13:36 h.

Nin manexa un lanzarredes, nin unha araña radiactiva a trabou transmitíndolle a súa capacidade para adherirse e desprazarse por calquera superficie e desnivel. Mais Naia Rodríguez Fernández é toda unha Spidergirl, que no último ano lle engadíu á súa habilidade para empoleirarse aos recunchos máis insospeitados as maneiras dunha ximnasta acrobática coma esa Viúva Negra que figura no plantel dos Vengadores da Marvel. Unha destreza esta última que vén traballando desde hai tan só un ano, e que xa lle valeu á cambadesa candansúa medalla nos dous únicos campionatos oficiais nos que ten participado desde o seu desembarco na disciplina. A piques de cumprir inda os 11, o pasado sábado sumaba en Guadalajara o subcampionato de España júnior de parellas femininas ao título autonómico que pouco antes conquistara formando dúo coa estradense Rosa Rivadulla, ambas polo Club Ximnasia Pontevedra.

«Cando ves unha filla que desde os 6 anos salta pola casa, cando a ves no teito logo de gabear con cada perna por unha parede do pasillo para saltar e darnos un susto; cando descubrimos a ximnasia acrobática entendimos que o mellor é que aprenda co deporte». María Fernández, a nai da rapariga, explica como os pais dunha nena de dez anos levan ver a súa filla dando saltos mortais o stadlers no aire cunha compañeira como palanca no chan. «A miña nena nunca ve a tele sentada, faino facendo o pino. Sempre está a facer o tolo. Máis preocupados estamos cando fai o que fai fóra do deporte, e lle tes que dicir ‘¡Por Dios, non vaias por aí!’». E é que, di María, ademais da propia disciplina, coa ximnasia acrobática «ensínanlle técnicas para protexerse das caídas» no caso das áxiles, as integrantes do dúo, trío ou cuarteto -as modalidades de competición- que coroan as figuras asentadas nas portoras, as maiores dun equipo no que a normativa premite que os seus integrantes se leven ata 8 anos entre si.

 

Taekuondo, patinaxe, natación, hípica e ximnasia rítmica. Son os deportes nos que Naia probou con anterioridade e desde ben cativa. Fiel á hípica desde os 5 anos, a ximnasia rítmica axudoulle a atopar o camiño cara a que hoxe é a súa paixón. «Gustáballe, pero botaba en falla poder dar máis saltos», lembra a súa nai. «Entón enterouse que existía a ximnasia acrobática por unha amiga que ten un curmán que a practica en Burgos. A nai desta amiga contoume que había un club en Pontevedra. Chamamos, o adestrador díxonos que levaramos a Naia a probar. Comezou con 2 horas semanais, e agora adestra 15. E se lles deixaramos aos seus adestradores e a ela, botaría máis». Se non é así é porque Naia non quere abandonar a hípica. Sobre todo desde que en xaneiro do ano pasado se iniciou na doma clásica, á que lle dedica 2 horas á semana. Todo, compatibilizándoo cos seus estudos en quinto de Primaria con «moi bo rendemento; e non queremos que deixe de telo», subliña a proxenitora.

 

Con potencial internacional

Que o adestrador de Naia sexa non só o técnico do C.X. Pontevedra, senón tamén o seleccionador español de ximnasia acrobática sen dúbida axuda á súa progresión, que Pablo Hinojar cualifica de «grande». Máxime, salienta, cando «hace muy poquito que ha empezado, y se entrena 15 horas a la semana, cuando muchas de sus competidoras lo hacen 24». Da cambadesa di que «además de tener condiciones físicas es muy, muy, muy, muy, muy trabajadora, y tiene muchísima motivación». De aí que Hinojar estime que «a ver si con el tiempo y con el trabajo puede llegar a internacional».