O Cambados 2017 concentrará nun mes outra media tempada na procura do ascenso a Ouro

CAMBADOS

MARTINA MISER

Se os prognósticos de Manu Santos se cumpren, o Xuven podería verse na obriga de xogar quince partidos máis para acadar o ascenso

25 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esvaecido o título unha semana antes na penúltima xornada de Liga, o Cambados Cidade Europea do Viño 2017 coñecía o pasado sábado o camiño que deberá percorrer se pretende acompañar o Sammic ISB á LEB Ouro 2017/18. Uns play-offs con oito aspirantes e un único premio, que este venres arrincarán no Pavillón Municipal do Pombal para o conxunto que dirixe Manu Santos co Aceitunas Fragata Morón. 

Tres eliminatorias ao mellor de cinco partidos. Este é o formato de competición que releva a fase regular da Liga de LEB Prata. Un sistema que, tras a ampliación feita esta tempada -na anterior os dous primeiros cruces eran ao mellor de tres encotros-, pode chegar a obrigar ao campión dos play-offs a disputar en tan só cinco semanas o equivalente a media tempada. Isto é, quince partidos.

 A primeira eliminatoria arrincará con citas para o Xuven o venres, ás 20.45 horas, e o domingo, desde as 18, no Pombal, e o venres da vindeira semana, 5 de maio, no Pavillón Alameda de Morón. De non acadar pleno ningún dos equipos, o cuarto choque xogaráse tamén en cancha andaluza, o domingo 7 de maio, co martes 9 reservado no Pombal para un desempate final ante un hipotético 2-2.

De superar o primeiro atranco, o Xuven mediráse ao vencedor da eliminatoria entre o HLA Lucentum, cuarto clasificado da fase regular da Liga, e o ULSA CBC Valladolid, o sétimo. As datas dos encontros, 12, 14 e 19 de maio, co 21 e co 23 contemplados de ser preciso. E tamén aquí os de Manu Santos gozarían do factor cancha ao seu favor, nun formato de 2-2-1 cos dous extremos co Pombal coma escenario.

A clasificación do cadro cambadés para a final pola praza de ascenso mediríao co supervivinte da outra parte do cadro dos play-offs. Cun Covirán Granada-B.Navarra, e cun Ávila-Zornotza de saída este venres. Granadinos e abulenses, co factor cancha ao seu favor.

 Neste punto, e pese a ter rematado a Liga só por detrás do campión e cun triunfo máis có Granada, o Xuven perdería o dereito a xogar os dous primeiros e o quinto partidos da final no Pombal se o conxunto nazarí se converte para entón no seu rival. E iso porque as bases da LEB Prata deste ano lle confiren ao Covirán o segundo posto na clasificación final da fase regular por ter gañado a Copa no ecuador da tempada. As datas de xogo, o 26 e 28 de maio, e o 2, 4 e 6 de xuño.

Santos quitáballe onte toda trascendencia a este último punto, en tanto «son normas da competición, que xa se coñecían desde o principio». Ademais, sostén o técnico do Xuven, «todas as eliminatorias van ser como a Liga, a cara de can». Augúranse pois poucos ou ningún 3-0. Ou 0-3.