Blas Charlín renova coa AFA e ascende a adxunto á dirección

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Cedida

O técnico cambadés asume ademais o departamento de captación de novos talentos da academia angoleña, o maior centro formativo do balompé de África

29 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Cambados terá por terceiro ano consecutivo a alomenos un dos seus veciños censado na capital angoleña, Luanda. Blas Charlín acaba de asinar a súa renovación coa Academia de Fútbol de Angola, AFA. O maior centro de formación do balompé de África, propiedade do presidente do estado, cuxa oferta o levou en xaneiro do 2016 a abandonar o Sporting Luanda e Benfica, un dos grandes clubs do país.

Pero non só será a segunda campaña de Charlín na AFA. A continuidade do adestrador cambadés vén acompañada dun notable salto cualitativo nas súas funcións. Pasando de integrante raso do corpo técnico a adxunto á dirección técnica, ademais de reponsable do departamento de escouting e de captación.

 

Ser nomeado adxunto á dirección técnica supón o recoñecemento e a carta de natureza ao traballo que o arousán fixera no seu primeiro curso na academia africana coma brazo dereito de Toni Cortés, exseleccionador catalán e no seu día segundo de Pichi Alonso no Metalurg Donetsk da Primeira División de Ucrania. Un tándem encargado da metodoloxía e da coordinación dunha academia con 300 novos valores da capital angoleña.

A captación dos alumnos empezou a ser tamén traballo de Charlín ao final da súa primeira campaña na AFA. «Temos unha rede de olleadores nos barrios de Luanda. Eu encárgome de contrastar a calidade dos rapaces dos que nos informan», explica, «porque se é por eles cada día traeriamos a 200 nenos á academia. Eu filtro, avalío e encadro os posibles futuros xogadores do centro».

Os plans da AFA pasan por «abrir unha residencia» a vindeira tempada para «ampliar a captación de novos talentos a toda Angola, máis aló da capital». E este é un dos motivos principais polos que o galego se decidíu renovar coa academia africana. «Síntome moi identificado con este proxecto», declara Blas desde Luanda. «Tenme totalmente enganchado. Polo seu labor deportivo, pero tamén social. É moi gratificante traballar no que che gusta, pero tamén no desenvolvemento do país, do seu deporte, e dunha xeración de mellores cidadáns de futuro, cuns valores». Porque «aquí non vale gañar a calquera prezo. ‘Educar, formar para vencer’, ese é o lema da academia», resalta un cambadés que dista de entender os seus novos cargos coma un premio: «Para min non é un ascenso. Son un home de club. Considéroo un voto de confianza».