S.O.S. do Cambados Cidade Europea do Viño 2017 á súa afección

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

A directiva de Toño Lema lanza a campaña «Colabora co teu club» ante «as dificultades económicas e os sobrecustos orixinados pola ampliación da Liga

23 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A fama costa, dicían naquela serie dos 80. Pero o certo é que tanto daría que o Cambados Cidade Europea do Viño 2017 estivera loitando polo título e polo ascenso directo á LEB Ouro, como o está a facer, que pelexara como a tempada pasada por eludir o descenso de regreso á EBA. O primeiro plantel do Club Xuventude Baloncesto arrincou a campaña 2016/17 sabedor de que ía ser un exercicio difícil no económico, arrastrando un pequeno défice cuxa densidade, pola contra, faino pesar como unha lousa xigante ante a dificultade de xenerar novos ingresos nunha localidade e nunha comarca das limitacións de Cambados e do Salnés á hora de atopar grandes respaldos económicos. E así chegamos a ver como na noite do martes a directiva do Xuven acordou «poñer en marcha a campaña Colabora co teu club de cara aos tres partidos que quedan por disputar no Pombal na fase regular».

 

Desde a directiva que preside Toño Lema explican que «as dificultades económicas e os sobrecustos orixinados pola ampliación da Liga fan que teñamos que pedirlles axuda aos socios que voluntariamente queiran colaborar nesta iniciativa». ¿Cómo? «Pagando 5 euros da entrada nos tres partidos de local que lle restan ao Cambados C.E.V. 2017». A cambio, «aqueles que colaboren entrarán no sorteo de cinco abonos para os play-offs de ascenso. Cada día que colabore, o seu número de socio entrará no sorteo, que se fará unha vez rematada a fase regular», informan desde O Pombal. 

Estamos a falar dunha tempada na que os responsables do Club Xuventude Baloncesto se aplicaron a fondo en recurtar os gastos ao máximo para exprimir os ingresos sobre dúas prioridades. A de abonar todas as cantidades pendentes de pagamento do curso anterior. E a de conseguir cumprir sen moitos vaivéns cos seus compromisos económicos mensuais cos xogadores e cos integrantes do corpo técnico que encabeza Manu Santos.

Tal e como está a situación, e á marxe do evidente interese deportivo e tamén social que traería consigo polo prestixio asociado, onte había quen comentaba no club amarelo que nestes momentos ao Xuven o título de Liga lle interesa ao club máis que polo ascenso, por evitar uns play-offs que obrigarán a un novo e importante desembolso. «As contas van andar moi, moi, moi ao límite» no mellor dos casos. E o que non queren baixo ningún concepto na casa do Pombal é tensionar a economía de todo un club co Cambados Cidade Europea do Viño 2017 coma estandarte, pero coa súa canteira sempre coma primeira razón de ser.

 

O primeiro plantel, en Vilanova

Noutra orde de cousas, o plantel do Cambados Cidade Europea do Viño 2017 retoma esta mañá o programa O Xuven nos coles, desprazándose ao completo ao Pavillón de Vilanova despois da reincorporación no día de onte de Charles Nkaloulou. Os homes de Manu Santos compartirán unha experiencia cos alumnos do Colexio Julio Camba.

 Esta será a primeira ocasión na que o equipo amarelo se desprace fóra de Cambados dentro dunha iniciativa ideada pola directiva de Toño Lema e destinada a promover a marca Xuven en todo o Salnés como o equipo de baloncesto de referencia da bisbarra.