«Coas grandes superficies hai que convivir, é unha competencia máis»

Bea Costa
bea Costa CAMBADOS / LA VOZ

CAMBADOS

martina miser

A unión do sector e a aposta polas novas tecnoloxías son os dous grandes retos do novo presidente para este ano

26 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En xaneiro asumiu a presidencia do Consorcio do Comercio do Salnés. Tocáballe. Desde hai anos que este cargo é rotativo e no 2017 correspóndelle a Cambados Zona Centro, asociación da que el preside. Rey chega con ánimo e ilusión porque cre no asociacionismo e aposta polo modelo comarcal como a mellor maneira de facer valer os intereses do sector. Tanto é así que quere ampliar a dous anos os mandatos «porque nun ano non da tempo a nada». E, polo que di, quere facer moitas cousas.

-O Consorcio do Salnés está coxo. Están Vilagarcía, Cambados, O Grove e Sanxenxo (600 socios) pero non está representada o resto da comarca. ¿Vai facer algo ao respecto?

-O máis importante é a unificación. Que esteamos todos, unidos e con transparencia. Vilanova, A Illa e Ribadumia xa viñeron a reunión que tivemos a semana pasada e, en principio, hai boa fe para entrar. En Meaño estamos a ver se retoman a asociación e en Meis, aínda que non hai asociación, tamén nos gustaría que estivera representada no consorcio.

-Vilanova Centro botouse fóra do consorcio hai anos...

-Si, houbo tiranteces pero eu quero que todo aquilo quede atrás e arrinquemos de novo.

-Houbo un tempo en que o consorcio era un referente, ¿será posible recuperar esta fortaleza?

-Traballouse moito porque había moitas subvencións. Foi a menos e paralizouse, pero hai que seguir. Agora hai menos subvencións e aqueles bos tempos xa non van volver.

-¿A cultura da subvención e do subsidio é unha solución?

-Non podemos basearnos nas subvencións, temos que ser orixinais nas nosas propostas e buscar colaboradores nas entidades públicas e privadas.

-¿Que propón?

-Temos moitos proxectos. Nunhas semanas presentaremos un acordo cunha entidade financeira e para a primavera-verán estamos preparando outro coa Mancomunidade do Salnés.

-¿Pode adiantar algo?

-O comercio colaborará para ofrecer información sobre as rutas turísticas que hai na comarca. Tamén queremos facer cousas coas redes sociais, Internet, unha charla con algún gurú económico..., estamos mirándoo.

-¿Son as novas tecnoloxías unha materia pendente?

-Todo leva un tempo, pero hai que adaptarse. Estamos competindo coas grandes superficies e empresas que venden on-line. Nós temos a vantaxe de que o comerciante sabe a quen lle vende, coñece ao cliente, temos que explotar iso.

-¿Seguen sendo as grandes superficies o inimigo a bater ou xa aprenderon a convivir con elas?

-Hai que convivir, esa etapa xa pasou, son unha competencia máis. A clientela escapa ás grandes urbes pero tamén hai xente que aposta polo pequeno comercio. Nos pobos hai cada vez máis comodidades, máis sitios para aparcar..., eles [grandes superficies] tamén están pasándoo mal, estámolo vendo coas ofertas que fan, que son moi agresivas.

-Vilagarcía segue sendo apetecible para as grandes superficies. ¿Como afrontan este tema desde o consorcio do comercio?

-Aínda non falamos dese tema.

-¿E dos famosos chinos, que opinan?

-Teñen que cumprir as regras como os demais.

-Fala de que as vilas están cada vez máis preparadas para incentivar as compras. ¿Que opina sobre as peonalizacións?, ¿vaise abordar o tema desde o consorcio?

-Cando viaxas ves sitios peonís que funcionan comercialmente. Eu fun partidario de pechar a praza de Fefiñáns (Cambados) os catro días centrais de Semana Santa. Hai que probar primeiro para ver que tal van as cousas, hai que ver os pros e os contras, pero iso terá que velo cada asociación co seu concello.

-¿Como se senten tratados pola Administración?

-Ben e mal. A verdade é que poderíase implicar máis. Hai que ter outro proxecto coa Administración, hai que ter máis axudas, máis alá da liña dos cinconta euros para os autónomos.