O Xuven definirá en tres partidos se ten madeira de campión

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

MARTINA MISER

Os de Manu Santos apréstanse a medirse consecutivamente ao líder, Granada, ao cuarto clasificado, o Ávila, e ao Alcázar, sétimo

21 feb 2017 . Actualizado a las 08:41 h.

Ser, ou non ser. Esa é a cuestión. Ser o equipo revelación da presente tempada da LEB Prata. Ou rematar elevado pola gloria do vindeiro campión e nova franquicia da LEB Ouro 2017/18. Ese é o dilema no que se debate o Cambados Cidade Europea do Viño 2017. Un isto ou aquilo que en boa medida quedará despexado nas vindeiras tres xornadas do campionato, nas que o conxunto que dirixe Manu Santos terá a oportunidade de probar de que madeira está feita a súa armazón.

Tras unha fin de semana de pleno ao cinco, con triunfos do trío de colíderes formado polo Covirán Granada, polo Sammic ISB e mais polo HLA Lucentum, e victorias dos seus dous perseguidores, o C.E.B. Ávila e o Cambados C.E.V. 2017, o cadro arousán terá este sábado, no Pombal, a oportunidade de atrapar o equipo nazarí na clasificación. Iso si, máis difícil lle será facerse co basketaverage entre ambos, cun +17 para o conxunto andaluz tras o 93-76 da sétima xornada de Liga.

 

A vindeira semana aos de Manu Santos lles tocará visitar a cancha do Ávila, rival co que figura nestes momentos empatado cun balance de 14 partidos gañados e 7 perdidos, polo 15-6 dos colíderes. E tamén neste caso, co obxectivo secundario de non só gañar, senón superar outros 17 puntos en contra no basketaverage que Ávila deixou ben adiantado co seu 66-83 no Pombal na primeira volta.

 

E para rematar o seu tour de force, o Cambados 2017 recibirá o 11 de marzo o Alcázar Básket. Un equipo situado neste momentos na sétima praza da clasificación, con tres triunfos menos có Xuven. O cadro manchego fixera boa en novembro a súa condición dun dos anfitrións máis sólidos da categoría para impoñerse 94-86, un resultado que pechara no seu día a peor xeira cambadesa na presente tempada, 0-3.

 

Máis aló do pleno dos cinco primeiros clasificados, a vixésimo primeira xornada de Liga deparou para o Xuven a nova positiva dos tropezos do Aceitunas Fragata Morón, 87-72 en Alacante, e do Básket Navarra, 64-59 en Ávila. No primeiro caso, ampliando dun a dous triunfos a diferenza dos de Santos sobre o sexto. No segundo, elevando de tres a catro vitorias o colchón respecto ao décimo clasificado, o primeiro equipo ás portas da zona de play-offs.