O Xuven recibe o tránsfer de México e agarda o visto bo da Federación á fichaxe de Cheda

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Shota Gelazonia ten tocado un ligamento dun xeonllo, pero en principio debería poder xogar este sábado en Tarragona

01 dic 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

Nin 48 horas. O Xuven Cambados contou onte coa inesperada velocidade da Federación Mexicana de Baloncesto, que en cuestión dun día lle enviou ao club arousán o tránsfer de Mauricio Cheda, coa correspondente baixa no seu último equipo no país azteca, o Soles Mexicali. Con este documento na man, e co xogador americano en posesión do seu DNI como cidadán español -posúe a dobre nacionalidade-, a directiva do Pombal quedaba onte en espera xa tan só de que a Federación Española de Baloncesto dea por boa toda a documentación do expediente do aleiro. E de non formalizar xa a súa ficha na LEB Prata, lle expida cando menos a autorización temporal que permite a un xogador disputar dúas xornadas de liga mentres conclúe o papeleo federativo.

 

Shota, cun ligamento tocado

Absolutamente convencidos no Xuven de que Cheda poderá debutar o sábado como xogador amarelo na cancha do C.B. Tarragona 2017, a maior preocupación agora é ver a evolución do xeonllo que Shota Gelazonia se mancou no primeiro adestramento da semana. Unha exploración médica determinou que o pívot xeorxiano ten un ligamento tocado, se ben se trataría dunha lesión menor máis aló da dor que padece Gelazonia.