O Xuven Cambados vaise de coles pola comarca

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

O primeiro plantel amarelo fixo en Vilariño o seu primeiro reparto de entradas gratuítas entre escolares ante un público entregado

21 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Difícil saber en cal dos dous lados do reparto de papeis era maior a sorpresa e o nerviosismo infantil. Se no dos xogadores, integrantes do corpo técnico e directivos do Xuven Cambados, ou no dos 130 alumnos do Colexio de Vilariño que agardaban canda os seus profesores por unha das visitas máis singulares nos rexistros do centro. Cos cativos abraiados por uns xigantes que viñan ademais a modo de Reis Magos. A repartirlles sendas invitacións para asistir ao vindeiro partido de Liga do conxunto amarelo no Pavillón do Pombal, mañá sábado fronte ao Zornotza cos homes de Manu Santos coma líderes tras as tres primeiras xornadas de Liga de LEB Prata.

Era a de onte á mañá a primeira experiencia de O Xuven nos coles. Unha das moitas iniciativas que se moven nas cabezas dos directivos con Toño Lema á fronte para tentar facer medrar o club non só a nivel local, senón comarcal. Con visitas a todos os colexios de Arousa que se presten a recibir o primeiro plantel cambadés coas correspondentes invitacións baixo os brazos. Gratis para os cativos, e cun 50 % de rebaixa na entrada para os seus pais.

 

Se a moitos dos raparigos do Colexio de Vilariño se lles abríu a boca vendo a comitiva amarela, a máis dun xogador do Xuven se lle notou a falta de experiencia nesta parcela do xogo sen balón que tanta falta lle fai ao baloncesto moderno; sobre todo no dos clubs modestos como o do Pombal. Co escudo do club e unha foto do plantel proxectada na parede, e un cartel de benvida agardando polos ilustres visitantes.

«¿Fumades? ¿Déixanvos comer de todo? ¿E para crecer tanto hai que comer moita froita? ¿Por que sodes xogadores de baloncesto?».Unha rolda de prensa con preguntas en toda regra, con pequenos grandes ollos abertos coma pratos agardando a resposta dos xigantes de Cambados. A Érik Quintela toucolle dar moitas das explicacións pedidas na súa dobre condición de veterán do equipo e adestrador da canteira do club.

Foi tal a expectación que a hora de visita prevista se quedou curta. Noventa minutos botaron os de Santos no centro, que á sesión de preguntas lle seguíu unha de autógrafos e de fotos varias, cos xogadores e cos alumnos xa mesturados. «No esperábamos este recibimiento», confesa Toño Lema, que xa pensa na seguinte iniciativa: levar os escolares cambades aos adestramentos do Xuven.