«Non perdo a esperanza de ver Fefiñáns peonalizada»

Serxio González Souto
SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

martina miser< / span>

Domínguez defende o labor do Bloque nos dous gobernos locais, Cambados e Sanxenxo, dos que forma parte

21 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Colleu a responsabilidade comarcal do BNG en marzo, nun intre moi complexo. Biólogo, educador ambiental, membro do Colectivo Ecoloxista dende 1991, Manuel Domínguez (Cambados, 1975) defende a utilidade do Bloque.

-O momento, para o BNG, é extraordinariamente difícil.

-Pero non é a fin nin vai ser o remate por moito que ás veces se intente agoirar. Xa houbo momentos delicados antes, cun só deputado no Parlamento de Galicia. Daquela recuperouse o camiño e volverase recuperar.

-Hai quen pensa que o Bloque deixou de ser unha ferramenta útil ao pobo galego.

-Que seguimos sendo útiles acredítao o estudantado na loita contra a precarización e privatización do ensino. Acaba de facer máis Ana Miranda coa presenza compartida en Europa polas vítimas do Alvia que outros moitos deputados a tempo completo. Gandeiros, pequenas empresas, estamos de par de todos os sectores agredidos. A xente é moi libre de votar a quen queira, pero non creo que considere que o BNG deixase de ser útil.

-¿Pero non apuntan os malos resultados electorais á necesidade dunha reformulación?

-É que realmente niso estamos. É o mandato da asemblea de febreiro. Chequear, resetear se é preciso, unha análise a fondo do país, da organización e do xeito de funcionar. Marcamos un ano como prazo. Certo é que con dúas convocatorias electorais estatais, e veremos se aínda non unha terceira, e agora as eleccións galegas polo medio, é máis complexo. Pero estamos nese proceso. Non é un fetichismo por unhas siglas, senón a necesidade unha ferramenta nacionalista de esquerdas para defender este país no seu conxunto.

-Pasemos ao Salnés. Logo de moito tempo, o BNG está presente en dous gobernos locais.

-Si, nun cuadripartito en Cambados e nun cuadripartito que caeu a tripartito en Sanxenxo coa espantada do edil de Sanxenxo Pode. Penso que os compañeiros están facendo un bo traballo e me consta que lle dedican moitas horas e esforzo.

-Nesas experiencias comparten goberno con xente que partiu do BNG. ¿Non é un xeito de tantear a reunificación do nacionalismo?

-Ben, só en parte son ex do BNG, porque tamén hai xente que nunca estivo. A unidade do nacionalismo precisa tempo. Iso aceptando a presenza de persoas nacionalistas en determinadas candidaturas. Porque cando alguén se presenta con forzas hexemónicas, con centro de decisión en Madrid, e deciden a forma de funcionar, a nomenclatura, ceden soberanía por todas partes. Acabamos de velo no Congreso coas famosas confluencias. Non haberá un grupo galego. Polo demais, nós sempre estivemos dispostos a chegar a entendemento para desaloxar a dereita sen rubor, esa dereita do PP. Se temos que poñernos de acordo con forzas coas que non concordamos plenamente polo ben do país, farémolo. Sempre o fixemos.

-Por certo, ¿cando veremos peonalizada Fefiñáns?

-Eu dende logo teño a esperanza de vela. Non me quero pasar de cambadés, pero unha praza fermosísima, con tanto significado, dóeme vela así.

«A xente é libre de votar o que queira, pero non creo que considere que o BNG non é útil»