A telúrica viaxe de Manuel Vilariño, por Antón Mascato

Antón Mascato

CAMBADOS

18 ago 2016 . Actualizado a las 18:29 h.

«Temo deixar de morrer a cada hora, retornar a min, sentirme nada»

(Peregrinatio, Manuel Vilariño)

Inserida nun amplo proxecto que procura facer da vila de Cambados un referente no mundo da comunicación audiovisual, esta exposición de Manuel Vilariño (A Coruña, 1952) é o punto cenital deste proxecto de cultura da imaxe. Non é doado encontrar mostras dun autor deste nivel (premio Nacional de Fotografía en 2007; Representante do Estado español na Bienal de Venecia; exposicións e obra adquirida nos máis importantes Centros de Arte contemporánea?) fóra dos circuitos das grandes capitais do mundo. Por qué acepta un artista desta dimensión facer unha retrospectiva nun lugar como o Pazo de Torrado? A resposta ten que ver coa firme aposta da concellería de Cultura de Cambados pola divulgación artística, dotando á sala de exposicións dos mínimos recursos técnicos e do persoal necesario, pero consciente ademáis de que detrás desta instalación hai unha dinámica envolvente que inclúe un Festival Internacional de Cine Marítimo, a creación dun Cine Forum, a potenciación dun evento fotográfico transnacional e a instalación do Mercado da Imaxe, que se celebrou a pasada fin de semana con éxito notorio e que inclúe libro, arte, ilustración, documental, deseño, artesanato e fotografía. A aposta de Vilariño é pois un aval polas dinámicas culturais, polos proxectos creativos e docentes, pola consolidación de eventos de imaxe coma este.

Manuel Vilariño preséntanos nesta exposición de Cambados unha retrospectiva das series que conforman o seu camiñar pola arte fotográfica. Aquí está o Vilariño integral, amosando cada quenda da súa viaxe polos pesadelos, polas obsesións, pola anguria, pola morte que tanto o mancou nas décadas dos anos oitenta, noventa e dous mil. Aquí están doses das series Coruña Bay (cartografía e ferramentas), e o Bestiario (animais en taxidermia docente e instrumentos de traballo), ambas dos anos oitenta; As cruces de cor e As Velas, con todo o poder da mística e a instrospección que lle provoucou o longo sofrimento de quen foi a súa inesquecible parella, realizadas na década seguinte, arredor do ano no que ela falece; pero está tamén a renacencia que se manifesta nas obras da paisaxe e os animais en movemento, coma ese xílgaro espantallo que bate asas contra a destrución e a dor do pasado. Toda unha peregrinatio pola maxia, pola poética, pola arte, pola luz? A longa viaxe telúrica que vai dende o fondal da Fraga de Caaveiro, ata as poderosas Auroras islandesas.

Manuel Vilariño sábese parte da natureza, omnisciente de que vida e morte son complementos necesarios, que ningunha pode non estar, non ser. Coñece ben a vida e as diferentes formas de vivila estando morto. Por iso reflexiona en silencio, dende a súa formación en bioloxía, e dende a súa paixón literaria, co tempo no que lle tocou vivir. O seu discurso artístico é coa fotografía como técnica perfecta para capturar os espazos intactos, aqueles aos que se achega por vez primeira, sexan os creados por el dende a teima do perfeccionismo e a minucia, ou os enxendrados pola natura, da que se sabe fillo irredento. Porque a Manuel Vilariño, as deusas das fragas que o amamantaron concedéronlle o don da excelencia.