«O cancro é como unha montaña, hai que subila e seguir adiante»

CAMBADOS

Araceli Oubiña no auditorio de Cambados, onde interverá mañá.
Araceli Oubiña no auditorio de Cambados, onde interverá mañá. Mónica Ferreirós< / span>

Araceli presenta na súa vila o documental sobre a loita de cinco mulleres contra a enfermidade e a súa aventura en Africa

12 feb 2016 . Actualizado a las 15:09 h.

Mañá (20.00 horas) Auditorio de Cambados (Entrada libre) O Kilimanjaro porase ao nivel do mar en Cambados grazas ao documental «El desorden de las cosas» e á testemuña de Araceli Oubiña e Rosa Fernández, dúas das cinco mulleres que participaron o pasado setembro no Reto Pelayo Vida co fin de demostrar que, despois do cancro de mama, hai moito por vivir.

-O primeiro ¿como se atopa de saúde?

-Moi ben, precisamente o luns teño revisión e empezo a etapa dos controis. Empezan as neuras, pero estou ben. Traballando case a tope.

-¿Que cambia na vida despois dun cancro de mama?

- Aprendín que hai que ser positivo. Precisamente, o Reto Pelayo Vida é para dar esperanza. Agora vexo as cousas de forma máis relativa, fíxome no que teño diante e antes non era quen de ver, aprendín a gozar máis ata dun sopro de vento, como me dicía unha enferma. Tamén mudou a miña perspectiva no laboral, métome máis na pel do paciente. [Araceli traballa como logopeda con enfermos de cancro no Hospital Provincial de Pontevedra].

-¿Pode avanzarnos algo dese documental que recolle a súa experiencia na subida ao Kilimanjaro?

-Que ninguén vaia pensando que vai ver unha reportaxe de montaña. O documental explica perfectamente o porqué do Reto Pelayo Vida e a relación do cancro e a montaña. Non é cousa de que todas as enfermas vaian subir o Kilimanjaro. Do que se trata é de demostrar que a enfermidade é como unha montaña, que hai que subila e seguir adiante. E hai unha sorpresa, pero vasme permitir que non a diga.

-Todas estas iniciativas teñen unha finalidade fundamental, darlle visibilidade á enfermidade en pro da prevención. ¿Non temen unha saturación de mensaxes sobre o tema?

-Nunca é bastante. Todos os días hai que concienciar ao que o pasou, ao que o pode pasar e ao que pensa que non lle vai tocar. Hai que seguir apostando pola ciencia, pola prevención e polos que están pasando agora por ese proceso.

-O cancro de mama ten un alto índice de curación, ¿chegarase á curación total?

-Algúns sanitarios xa falan do cancro de mama como unha enfermidade crónica. Ten pinta de que vai ser curable, a investigación é fundamental, por iso son importantes as campañas para recadar fondos.

-Vostede non tivo problema en falar da súa enfermidade. ¿Segue sendo aínda un tabú ou é algo superado?

-Por desgraza non. Por iso o traballo do psicólogo é moi importante. Os da casa non sempre saben como dar unha solución ou non lla saben pedir. Canto antes asumas o pau, antes vas recuperarte.