«As nosas non son obras de postureo»

s. gonzález, a. garrido

CAMBADOS

A piragua segue a ser a grande afección de Luis Aragunde dende os seus tempos mozos.
A piragua segue a ser a grande afección de Luis Aragunde dende os seus tempos mozos. mónica irago< / span>

Aragunde desvela un dos segredos da súa vila; como se calcula a asistencia á Festa do Albariño

22 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundas eleccións para Luis Aragunde (Cambados, 1971) como cabeza de cartel do PP nun dos seus fortíns do Salnés.

-¿Como foi o mandato?

-Moi difícil económica e socialmente. Xa sei que hai unha imaxe un tanto irreal dos políticos, parece que non nos implicamos, que estamos máis obsesionados polas obras que polas persoas, pero a verdade é que non é así. Mudou ata a forma de gobernar.

-Pero obras tampouco non faltan. Seis millóns para a lonxa...

-Hai, pero as nosas non son obras de postureo, son obras necesarias, con obxectivos moi concretos. E aínda que recoñezo certa demora, as que non están en execución, o centro de día, o saneamento do Saco, a praza de abastos coa demolición, están contratadas e son irreversibles, coma a cuberta da piscina.

-A praia está sen facer, pero se anuncian xa outras dúas fluviais.

-Tiñamos un areal pendente para o Saco de Fefiñáns, pero non apuramos moito porque o lóxico é rematar o saneamento antes. Cando o fagamos en realidade será unha recuperación, porque aló xa houbo un areal, e farémolo consensuando sempre coas mariscadoras e a confraría. Cremos que é perfectamente compatible, na franxa pegada ao paseo marítimo. E logo, aínda que xa sei que falamos de praias, do que se trata é de crear unhas zonas de baño no río, cunha actuación ambiental en terra, tanto en Oubiña como a carón da ponte de Covas de Lobos.

-O que si ten agora son máis rivais. ¿Preocúpao iso?

-Son os mesmos pero divididos. É dicir, Somos Cambados é claramente unha escisión do BNG, xa que o número 1, Tino Cordal, fora concelleiro polo Bloque, non é un mesías que acabe de aterrar no planeta. Invitárono a que se fose e marchou. O número 2 era o que ata hai pouco presentaba aquí os escritos de Anova. Un BNG 1, un BNG 2... Custaríalles conciliar un goberno conxunto.

-¿E os outros? ¿Cambados pode ou non pode?

-Cambados debería. Ese home fora xa independente, logo uniuse ao PP e agora a outra cousa, pero a alma mater do asunto é o pai. Están saíndo noticias que non vou valorar, pero que creo que lle van facer moito dano. E logo ao PSOE tamén lle vai custar moitísimo manter os tres concelleiros. Tabuyo era unha persoa carismática, cun peso político importante. Rafael Blanco, tristemente desaparecido, era tamén un home moi integrado. Aquel equipo era moito mellor.

-Seica está tranquilo, logo.

-Non, os partidos hai que xogalos e o Madrid pode perder co Alxeciras ou co Cambados. Pero, e dígoo con toda a humildade, creo que na sociedade pálpase confianza con seu goberno local.

-¿Branco ou tinto?

-En Cambados sempre branco, pero se queremos ser bos catadores hai que probar o tinto.

-Hai un misterio que nunca damos aclarado. ¿Como calcula o Concello a cantidade de xente que vén á Festa do Albariño?

-Hai varios indicativos. Un é a cantidade de lixo. Outro o número de botellas vendidas. Os adegueiros dinnos que só no paseo da Calzada venden 80.000 botellas, sen contar cos bares, que será outro tanto. E non creo que saia unha botella por persoa...

-¿E na praza de Fefiñáns? ¿Canta xente entra de verdade?

-Depende.

-Home, pero a praza é sempre a mesma, ¿non?

-Xa, pero hai que ver se contas as árbores ou non, se contas a Rúa Real, porque hai concertos nos que se ocupa enteira. Na praza poden entrar apertadas unhas seis ou sete mil persoas.

-Xa tivo a Julio Iglesias aló pero, diga, ¿a quen lle gustaría traer?

-A Bruce Springsteen. No de Julio estivemos avispados, pero aí falamos doutra dimensión.

luis aragunde aragunde alcalde de cambados e candidato á reelección polo partido popular

«Elegantemente informal»

«Non lle dou moita importancia aos zapatos. Tampouco ao reloxo, que é un agasallo familiar polo meu cumpreanos. Procuro ir coa mellor presenza posible, aínda que non teña un tipaso. Elegantemente formal, máis que nada por respecto á institución que represento».