Somos Cambados pide a máxima distinción municipal ao Xuven

Cambados LA VOZ

CAMBADOS

A plataforma veciña inicia unha rolda de contactos cos clubs do municipio

06 may 2015 . Actualizado a las 18:26 h.

Somos Cambados propón que se outorgue a máxima distinción municipal ao club Xuventude Baloncesto de Cambados. «Consideramos que son moitos os méritos que concorren no Xuven para merecer tal distinción, entre eles a extraordinaria campaña realizada, clasificándose por primeira vez na súa historia para os play-offs de ascenso a Leb Ouro, e o feito de levar o nome de Cambados por toda a xeografía española, conseguindo que a nosa vila fora noticia por éxitos deportivos», segundo argumentan desde a plataforma veciñal.

«Somos Cambados quere recoñecer o traballo altruista de toda a xunta directiva e a entrega e profesionalidade do seu adestrador, corpo técnico e xogadores, que conseguiron un fito histórico no deporte cambadés ao situar ao Xuven entre os 40 mellores clubes de baloncesto a nivel estatal». A candidatura que encabeza Tino Cordal reuniuse este luns con parte da directiva do Xuven para facerlle chegar as propostas en materia de deporte da plataforma veciñal e escoitar as demandas do club. Nos vindeiros días visitará os outros clubs deportivos da vila. Entre as súas propostas figuran: instaurar un sistema de bolsas económicas destinadas a aquelas familias que carezan de ingresos suficientes e non podan costear a práctica deportiva dos seus fillos; eEstablecer bonificacións de impostos municipais ás empresas que patrocinen equipos deportivos de Cambados, para facilitar o financiamento tanto dos clubs deportivos como das escolas de deporte base; crear unha fundación publica do deporte na que estean representados todos os clubes cambadeses; incrementar as axudas económicas aos clubs deportivos tomando como criterio prioritario o número de nenos e nenas que participan nas categorías inferiores, e promover a práctica deportiva de persoas con minusvalía, adaptando as instalacións municipais deportivas de cambados para as persoas con reducida mobilidade.