O espírito adolescente pinta de rock o Salnés

Fernando Arenaz PROFESOR DE ARTE NO IES RAMÓN CABANILLAS

CAMBADOS

cedida

21 abr 2015 . Actualizado a las 21:04 h.

«É evidente que cada un de nós é diferente, pero todos somos rebeldes, buscamos a liberdade, non aceptamos as normas á lixeira, e sabemos que a vida é toda unha festa que non podemos deixar atrás.(?)». A rebeldía adolescente e o sentido lúdico e transformador do rocanrol, palabras que forman parte do manifesto escrito por Jorge Alvar, e que coma un riff  de guitarra romperon o ar da sala onde se celebrou a fase final do primeiro certame ?Píntao de rock?.

O intento de poñer en valor a relación entre a música rock e as artes plásticas e visuais, e impulsar e difundir a música emerxente do Salnés levou adiante esta iniciativa, promovida polo IES Ramón Cabanillas e o Concello de Cambados. 

Catro foron as bandas seleccionadas para este concerto-final: Cabina 402 (Cambados), Cuarta Cejilla (Cambados), Killing Floor (Cambados-Ribadumia) e Sofá Ambulante (Vilagarcía de Arousa).Arrancaron o concerto Cabina 402, con Miguel Froján -todo un carácter escénico- ao frente, que animaron ao público asistente co seu pop rock con guiños ao folk (a gaita de Anxo Xesteira na fermosa introdución do tema Indiferente). O Indie-folk de Cuarta Cejilla, coa persoal voz de Sara Caride acoplada á do seu compañeiro Miguel Pérez, chegou coma un vento cálido e íntimo.

A banda Killing Floor, comandados polo folgoso guitarrista Xosé Outón, levounos aos infernos na súa particular semblanza de Lucifer, cunha obra conceptual en sete actos totalmente instrumental. O seu son, herdeiro da psicodelia e o hard-rock máis épico dos anos 70s do pasado século, evocou as cancións de Led Zeppelin, Cream ou Deep Purple. Jimmy Page e os seus xa teñen relevo xeracional nas terras do Salnés.Os vilagarciáns Sofá Ambulante, con claridade de ideas e un bo feixe de cancións, revisaron o post-punk no século XXI dun xeito contundente.

Tras as actuacións, foi a quenda para as deliberacións e votacións dun heteroxéneo xurado, conformado por persoeiros vencellados á cultura musical, ás artes plásticas, á literatura?, así como varios asistentes ao concerto escollidos ao chou; xentes como o escritor Daniel Salgado, o pintor Uxio López, o músico Isi Vaamonde, ou o profesor e ilustrador Xulio Gayoso, entre outros. 

Eles foron os que decidiron finalmente os galardóns, que recairon en Sofá Ambulante (mellor banda do certame) e Killing Floor (mellor banda cambadesa). Estas duas bandas terán a súa oportunidade ante un público máis amplo durante as festas do Albariño deste verán; os primeiros ademais verán publicado un ep de catro cancións. Mención especial para Jaco e Alex (Jacobo González e Alejandro Maneiro*), os presentadores deste show, que foron guiando a gala cara un desbarre surrealista, cun humor-mosquito, digno duns Faemino e Cansado con acné.

Admirable tamén o esforzo de Anxo Xesteira, facendo as veces de técnico de son, músico (Cabina 402), relacións públicas, e todo o que se lle puxera por banda; o único alumno da secundaria cambadesa dotado co don da ubicuidade. Un exemplo para todos nós.E chegou o remate desta festa?e que mellor para esta faena que o blues lúbrico-festivo da banda viguesa Booty Sweat, que puxo a bailar a todo o auditorio, e mesmo interaccionou co público e os compoñentes das anteriores bandas, sumíndonos  a todos nunha celebración final que lembraremos para sempre.

Un único pero, a exigua asistencia de público a este evento (pouco máis de 150 persoas) fará que os alumnos de cuarto da ESO, que co pago das entradas e a venda de camisetas e postres pretendían recaudar para poder ir de excursión, sigan facendo números ata final de curso.  

Hai futuro para o rocanrol nesta parte do mundo ou teremos que seguir vivindo de glorias pasadas ou alleas? O deseño gráfico aplicado á música poderá alumar no panorama deste pais dunha vez por todas ou seguiremos eternamente ollando hipnotizados as portadas de Pink Floyd? Píntao de rock contará cunha nova edición no 2016 ou quedarase coma on soño vibrante na nosa memoria? Quizais a resposta a estas e outras preguntas estea no esperanzador presente ofrecido por estes rapaces.