O Xuven Cambados certifica a permanencia da man do Marín

vilagarcía / la voz

CAMBADOS

O triunfo do Peixe sobre o Pla asegura a continuidade do cadro arousán na LEB Prata a cinco xornadas inda do remate da fase regular

24 mar 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

O Xuven Cambados xogará por terceira tempada consecutiva na LEB Prata. Un éxito certificado o pasado domingo por pasiva. Incapaz o equipo de Yago Casal de amarrar a permanencia por activa, derrotado por un quizais excesivo 81-62 na cancha do Ávila, o cadro amarelo celebrou a continuidade na terceira categoría do baloncesto español coa axuda do seu veciño e gran rival Marín.

O incontestable triunfo do Peixe o domingo sobre o Básquet Pla, 51-83, mantén o cadro balear a seis triunfos de diferenza do conxunto do Pombal cando xa só restan cinco xornadas para a conclusión da fase regular do campionato. Un novo fito histórico nos anais do club cambadés, que na súa tempada de estrea na LEB Prata acadara a permanencia a falta de tres xornadas por disputar.

Así as cousas, a viaxe da vindeira semana do Xuven á pista do Pla perde a súa condición de final, que non de partido determinante. Para o coletivo balear, en tanto segue vivo na categoría, en loita pechada por eludir o segundo e último descenso cun Sammic que vén de encadear a súa novena derrota cun apretadísimo 87-90 no derbi vasco co Zornotza. Para o equipo arousán, na súa pelexa por acceder a uns play-offs algo menos claros no horizonte logo dos triunfos do Tarragona sobre o Araberri, 96-64, que sitúan o cadro catalán a dúas vitorias do Xuven, e do Canarias 80-85 na súa visita ao F.C. Barcelona B, empatados ambos con tres partidos gañados menos cós de Casal. O culé, con dous partidos máis xogados, será o sábado no Pombal o vindeiro equipo co que se mida o Xuven.

Por outro lado, Charles Nkaloulou asinou a pasada fin de semana a terceira mellor valoración da xornada, 24, pero quedou fóra do quinteto ideal por ter por diante a outros dous interiores, McKeither (Pla, 27) e Spires (Getafe, 25).