«O colectivo xitano acóllete na casa como se foses un máis da familia»

CAMBADOS

Mila Hermida no poboado de Trabanca, onde viven algunhas familias coas que traballa.
Mila Hermida no poboado de Trabanca, onde viven algunhas familias coas que traballa. mónica irago< / span>

Traballa con 19 familias do Salnés para mellorar as súas condicións de vida

01 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cáritas Interparroquial de Arousa leva meses pelexando por sacar adiante o programa Arrumí, centrado na mellora das condicións de vida dos xitanos a través das súas mulleres. E por fin arrincou este ano, e a súa responsable é Mila Hermida Miser (Cambados, 37 anos), educadora social que conta xa con experiencia porque traballou con anterioridade con esta etnia na comarca de Barbanza.

-¿Como se traballa no obxectivo perseguido, o de mellorar as condicións de vida do colectivo?

-Tomamos como punto de partida a muller, aínda que o programa vai dirixido a toda a familia a través dela, como pedra angular.

-E cales son os principais aspectos que se queren modificar?

-Hai moitos hábitos que queremos traballar e que é máis fácil acadar a través delas. Desde hábitos de hixiene e alimentación ao uso axeitado dos recursos sanitarios e sociais ou asesoramento para a xestión dos recursos económicos, por exemplo.

-¿Resulta difícil cambiar eses hábitos adquiridos dende hai xeracións?

-Depende de cada caso. Non se pode xeneralizar, porque estase a traballar nun proxecto individualizado. Como pasa cos paios, tamén na poboación xitana hai de todo, ao mellor comen ben pero non son quen de administrar a súa economía, por poñer un exemplo. Trabállase cun proxecto individualizado para cada familia e non ten nada que ver a situación que viva o veciño da porta do lado.

-¿Con cantas familias traballa?

-Eu estou con 19 familias que foron seleccionadas por Cáritas baixo criterios técnicos, e que son xente que xa leva tempo traballando con eles. Empezamos en xaneiro e houbo un primeiro contacto no que se lles explicou o programa e firmouse un acordo de traballo polo que eu me comprometía a traballar con eles pero eles tamén se comprometían a traballar comigo, de tal maneira que se non se cumpre, recupérase o contrato e entra outra familia. Faise así porque a idea principal é que adquiran unhas pautas e que cumpran os acordos. Teño un contrato de vinte horas semanais nas que visito con regularidade os poboados de Trabanca e Cornazo, algunha familia de Vilanova e outras que viven no centro de Vilagarcía.

-¿Están máis integrados os que viven en pisos?

-Non ten que ver onde vivan, non se pode xeneralizar. Que non vivan nunha chabola non quere dicir que teñan peores ou mellores hábitos.

-Agora vostede vai esta tarde a Trabanca Badiña para visitar as familias. ¿Como é unha xornada de traballo e que é o que máis lle está chamando a atención desde que empezou a convivencia con eles?

-Agora estou no momento de establecer o plan de traballo. O que me chama a atención é a boa acollida tanto por parte das familias como nos poboados, abríronme as portas de par en par. Eles queren mellorar, e eu non chego alí coa intención de solucionarlles a vida, senón para axudalos a mellorala. Outra cousa que tamén me chamou a atención e a súa diversidade, o complicado que é obter obxectivos xerais.

mila hermida miser educadora social e responsable do programa arrumí

«Que vivan nun piso ou na chabola non quere dicir que teñan mellores ou peores hábitos»

«Hai familias que lles costa chegar a fin de mes e que precisan aprender a administrarse»

«Aprendín moito dunha forma de vida moi diferente á miña»

Para ser elixida neste traballo, Mila é consciente de que lle serviu de moito a experiencia que tiña, porque xa traballara co colectivo xitano en Ribeira desde o ano 2002 ao 2007.

-¿Como foi o primeiro día que traballou cos xitanos?

-Foi unha experiencia moi boa, pero diferente desta, porque alí estiven moitos anos facendo un traballo, e ao final nótase o resultado, sobre todo en cuestións como a autoestima o a educación para a saúde. Foi unha experiencia moi interesante porque aprendín moito dunha forma de vida moi diferente á miña. É sorprendente o descoñecidos que son como colectivo vivindo ao lado de nós, cando o certo é que acóllente na casa como se foras un máis da familia. A min en todo caso nunca me resultou difícil traballar con eles, pero é que eu son un elemento de apoio, non quero cambiar a súa vida, non vou coa miña verdade por diante nin pretendo adoutrinar.

-Este é un programa promovido por Cáritas, unha entidade que leva anos traballando con este colectivo. ¿Como valora ese esforzo?

-Calquera entidade social fai un labor moi importante. Cáritas fai un traballo moi bo, pero o máis importante é a coordinación entre os distintos axentes sociais.

-¿E eles responden? Quero dicir, é moi pronto para avaliar o programa, ¿pero de momento van cumprindo os compromisos?

-Polo de agora si. Por exemplo, estamos a traballar a xestión económica. Déixolles un caderno para que vaian anotando os gastos, que garden os tiques da compra... Hai familias ás que lles costa chegar a fin de mes e que precisan unhas pautas para xestionarse. Pero aínda hai un ano por diante.

-En todo caso, vostede está a falar dun colectivo moi distinto a como era hai unhas décadas.

-Si, melloraron moito nos últimos anos. Eu son paia e sen embargo chego á súa casa e acóllenme cos brazos abertos. Os nenos están escolarizados, os pais xa non son analfabetos, e se teñen algún problema dese tipo botan man dos fillos, o absentismo escolar está vixiado pero como o está para todos os alumnos... Non digo que non quede algún estereotipo, pero non na maioría dos casos.

-¿Que quere dicir Arrumí?

-É muller en romaní, coa inicial de Arousa engadida.

«Non detectei problemas de drogas; coas que traballo eu son familias normais»

Noutros tempos asociábanse os poboados xitanos coa venta de estupefacientes a pequena escala, e aínda segue a ser así en asentamentos que non están moi lonxe da comarca. Sen embargo, non é o que ocorre coas familias coas que está a traballar Mila.

-Eu non detectei ningún problema de drogas coas familias coas que estou a traballar.

-¿A que se dedican?

-Sobre todo aos seus oficios tradicionais, á venta ambulante.

-¿Son machistas?

-Na igualdade de xénero melloraron moito. As mulleres teñen un papel fundamental na familia, e moitas traballan, aínda que seguen a ser as que coidan da casa, por iso botamos man delas para o programa. Eu, en liñas xerais, non podo dicir que sexan machistas, de feito, a algúns homes nótaselles que están moi orgullosos da súa muller.

-¿E seguen a ser vítimas de racismo ou son un colectivo totalmente integrado e aceptado na nosa sociedade?

-Roces de convivencia os hai sempre, como os podemos ter nós cos nosos veciños; a diferenza está en como afrontamos eses conflitos, en se o facemos ou non dun xeito positivo. Eu no meu traballo non percibo un especial racismo, e quen di con xitanos o di coas mulleres. Paréceme moi arriscado afirmar que son racistas, non se pode xeneralizar.

-¿Están a sufrir máis a crise que outros colectivos?

-Son un colectivo afectado pola crise como outro calquera. Teñen afán de mellorar e de que os seus fillos estuden. Non deixan de ter as mesmas preocupacións que as demais familias: ter traballo, que os fillos estuden, chegar a fin de mes, ter a casa quente...