O «Menú da noite» chega con caldo, claqué e moito humor

A ILLA DE AROUSA

O auditorio da Illa acolle estes días os ensaios da súa última montaxe.
O auditorio da Illa acolle estes días os ensaios da súa última montaxe. mónica ferreirós< / span>

Este «xoguete» que combina o monólogo e o debuxo toma un novo pulo. En abril estréase a segunda entrega en Vilagarcía

28 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai precedentes, pero ningunha con acento galego. O actor e humorista Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila acordaron un bo día xuntar os seus talentos e saíu «Menú do día». O primeiro fala e o segundo debuxa sobre a súa tableta gráfica, sincronizados á perfección e, se pode ser, non deixando nada ao chou. «O máis complicado é axustar os tempos», explica o actor, e abofé que o conseguen. Davila xa está afeito a dar forma e cor a Dora contrarreloxo logo de moitos meses repetindo a operación nos escenarios. Coa súa proposta gastronómica percorreron toda Galicia, triunfando alá onde foron, e parte do estranxeiro. En novembro estiveron en Londres e a sala encheuse de emigrantes; o 12 de marzo volven coller a maleta e marchan a Edimburgo, que galegos hai en todas partes.

Pero vese que o plato do día no fartou suficiente que Blanco e Davila están xa a preparar outro menú, este de noite, para seguir deixando receitas de humor por todo o país. Estrean a primeiros de abril en Vilagarcía -a Carlos tíralle a casa- e xa teñen pechadas datas ata o verán con actuacións en Vigo, Narón, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña e Cangas.

Que ninguén pense que por ser de noite vai ser un menú máis lixeiro. Ata vai haber caldo, con arrecendo incluído. «O reto é sorprender», comentan os artistas, e aínda lles quedan moitos recursos por explotar, como o de bailar claqué. As personaxes das viñetas de Davila -Dora, Lurditas, Manolo, Milucho e Merseditas- desfilarán pola pantalla e Carlos Blanco encargarase de poñer o sal e a pementa para que todo o mundo marche con bo sabor de boca. E non serán os únicos que asomarán a esta cociña da risa. Kepa Junkera e Ibón encárganse da percusión, Budiño e unha banda de 18 músicos porán a banda sonora e Uxía e Mónica de Nut, entre outros, farán os coros.

Como de noite as dixestións deben ser lixeiras, este menú vai ser un chisco máis curto que o anterior, pero ninguén vai quedar con fame. Pero como na terra do churrasco sempre hai quen quere repetir, Blanco e Davila están dispostos a dar dobre ración e xuntar os seus dous menús nunha mesma actuación, aínda que iso está por pechar.

Polo de agora están cos ensaios da seu segundo espectáculo, un «xoguete» como eles din, que xa teñen dominado pero que sempre hai que pulir. E nesas andan estes días pola Illa de Arousa. ¿E despois que vai vir?, preguntamos. «Pois un menú degustación, unhas tapas ou poñerse a dieta, sempre hai algo por facer». E Carlos e Luís han de topar o xeito de facelo rico rico.