Dorna estrea directiva e inclúe o fútbol gaélico no seu proxecto

b. c. VILAGARCÍA / LA VOZ

A ILLA DE AROUSA

A asociación celebrará mañá a asemblea para elixir aos novos xestores

06 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Cultural e Deportiva Dorna de A Illa de Arousa estrea etapa o vindeiro sábado coa elección dunha nova directiva. Non haberá sorpresas. Hai unha única candidatura que, como sole ocorrer nos últimos tempos, non foi doado reunir por aquilo de que á xente cústalle dar o paso. Nove persoas accederon finalmente, con Salvador Allo García na presidencia, en substitución de Avelino Cores Faber. Será a primeira vez que estea na directiva, aínda que Allo leva moitos anos vinculado a Dorna traballando no eido das embarcacións tradicionais. Como vicepresidente figura Francisco Ramón Vázquez García; como secretario, Adelino Dios Cores; da tesourería encargarase Teresa Romai Dieste; e como vocais exercerán José Luis Chaves García e Víctor Manuel de Lafuente Martínez, os dous en representación da sección de baloncesto; Daniel Dios Otero, da sección audiovisual; Carlos Chaves Otero, de xadrez, e Carlos Agra Rial, do fútbol gaélico. Esta disciplina vai ser unha das grandes novidades desta nova etapa de catro anos que afronta a asociación Dorna. Xa hai equipo formado e o que se pretende e consolidalo e crear canteira.

De todo isto falarase na asemblea convocada para este sábado, as 20.00 horas en segunda convocatoria, na sé de Dorna situada na antiga Escola de Pau. Na orde do día figura a elección do novo equipo directivo, pero tendo en conta que non hai candidaturas en liza, non se prevé demasiada discusión respecto deste asunto.

A pesares de todos os problemas económicos e de representatividade cos que ten que lidar Dorna, a asociación está máis que consolidada no tecido cultural e deportivo local. Con cincocentos socios é unha das entidades con maior implantación social nos pobos da zona, pois un de cada dez veciños forma parte deste colectivo.

A súa antigüidade e a súa capacidade para organizar actividades fai que sempre apareza alguén para seguir remando neste barco. «E non imos deixar que vaia polo mar abaixo», indicaba graficamente Salvador Allo, dorneiro experto e defensor da navegación tradicional onde os haxa.