A mellor canicróser de España quere ser Top 10 do Mundo

AROUSA

OSCAR VÍFER

Mónica Touriño chegaba onte a Polonia xunto con Óscar Piñeiro para estrearse na gran cita tras catro participacións no Europeo

23 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A catoirense Mónica Touriño apréstase a cruzar unha das contadas metas inéditas que lle quedan por diante no seu deporte. Acompañada polo seu compañeiro vigués no Kennel Den Óscar Piñeiro, a mellor canicróser española de todos os tempos tiña previsto chegar onte á localidade polaca de Kozle, na que os dous disputarán esta fin de semana o seu primeiro Campionato do Mundo de Mushing sobre Terra. A última gran competición na que lle quedaba por debutar á vikinga, con catro participacións no Campionato de Europa ás súas costas.

Fixa no Top 10 nas súas actuacións continentais, cun sexto, cun oitavo, cun quinto e co cuarto posto co que volvía hai un ano da vila inglesa de Therford, Touriño declaraba onte nos últimos quilómetros de camiño ao seu destino polaco que ese, o Top 10, «é o meu obxectivo» no cadro de competición de canicrós do Mundial, engadindo que «o ideal sería un traballado cuarto posto con presión á segunda e á terceira».

Con 50 competidoras inscritas, Touriño sitúa como inalcanzable a checa Martina Stepánková, vixente campioa de Europa. Un chanzo por detrás sinala á tamén checa Katerina Blucova, á británica Lindsay Jonhson, á alemana Julia-Anne Prins e, inda na súa concidión de defensora do título mundial, á belga Tessa Phillipaerts.

O programa de competición divídese en dúas xornadas. Con saída o sábado para Mónica Touriño ás 14.11 horas -Óscar Piñeiro faráo un pouco antes, ás 13.52.30-, cos corredores partindo de dous en dous cada medio minuto. Por diante, un circuito de 4,5 quilómetros, «rápido, pero con zonas con lama, polo que haberá que saír con zapatillas con tacos, pero lixeiras, para correr polas zonas secas», analiza a especialista catoirense.

Nepal será unha vez máis o compañeiro de equipo da mellor canicróser de España, mentres que Óscar Piñeiro pelexará, co mesmo obxectivo do Top 10, xunto con Siddhartha. Con eles viaxaron Argos, Thai e Caramelo en calidade de cans reservas. Os dous últimos, en todo caso, coa participación no Mundial asegurada.

Tamén en patín

E é que Mónica Touriño viaxou a Polonia a tirar bo proveito da experiencia. Así, ademais de no cadro feminino absoluto de canicrós, a galega disputará tras o programa individual a modalidade de relevos. Faráo formando trío coas catalanas Marta Barrufet, actual campioa de España de Bikejoring, e Olga Álvarez Rubio, que o domingo se erixíu en campioa mundial de canicrós nórdico veterán. Touriño será o relevo na modalidade de patín.

A catoirense chega nun inmellorable momento, despois de gañar todas as probas no que vai deste primeiro treito de tempada, revalidando o título de campioa galega de canicrós e impoñéndose o pasado domingo na proba inaugural da Copa de España en San Adrián de Juarros, Burgos. Desde alí partiron o pasado domingo Piñeiro e ela con toda a ilusión cara a Polonia.