O Xuven vese máis obrigado inda a reiventarse tras o non de Don

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Baloncesto O á-pívot estadounidense era unha das dúas pedras sobre as que a directiva pretendía erguer o novo plantel. O seu destino, o Myrtia

26 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O quinto proxecto deportivo do Club Xuventude Baloncesto na LEB Prata vai requerir de moito máis tempo e esforzo xa non só do desexado, senón do que podían agardar desde os despachos do Pombal cando a incomparecencia dun patrocinador, e 20.000 euros de débeda arrastrada, deixaron meridianamente claro que resultaría imposible conservar os mimbres do subcampión da fase regular da pasada Liga. A comunicación onte por parte de Matt Don ao club arousán do seu si á oferta do recén ascendido C.B. Myrtia Murcia non fixo máis ca complicar o traballo que por diante ten a dirección técnica do Xuven ata presentarlle ao ferrolán Chiqui Barros un plantel pechado.

Conscientes da imposibilidade de reter a maioría dos homes ás ordes de Manu Santos, desde O Pombal fixáranse coma prioridade convencer a Erik Quintela e a Matt Don da súa continuidade, cunha sensible mellora nas súas condicións contractuais acordes á súa metamorfose como xogadores franquicia. Mais «Matt confirmounos que vai para o C.B. Myrtia. O principal motivo», explicaba onte o director deportivo do Xuven, Manu Felpeto, «é o económico», ao recibir unha oferta algo superior á manexada polo xogador mellor pagado do cadro arousán a tempada pasada. «Tamén nos dixo que como rapaz novo, quere novas experiencias», engade Felpeto.

Con Charles Nkaloulou xa no Tau Castelló, e con Shota e con Juan Rubio apuntando tamén a un inminente desembarco na LEB Ouro, pola que está a agardar asimesmo Adrián Chapela, o si de Erik Quintela resulta máis ca nunca decisivo no Xuven á hora de definir as liñas mestras do seu novo plantel. Un equipo no que non estará Romera, xa descartado tras rexeitar negociar unha rebaixa do seu soldo, motivo polo que a continuidade do hispanomexicano Cheda está igualmente case descartada.

Así as cousas, mañá xoves ás 13.15 horas, Chiqui Barros asinará no Pombal o seu contrato coma novo adestrador do Xuven. Comeza a reinvención.