«A calidade da auga da ría de Arousa é preocupante, por canto se está a perder»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O biólogo sitúa a falta de chuvias dentro da normalidade, pero advirte de que cada vez será máis caro ter auga consumible

28 sep 2020 . Actualizado a las 19:12 h.

A Estación Hidrobiolóxica do Con, dependente da Universidade de Santiago de Compostela, leva anos traballando desde as súas instalacións en Castroagudín no estudo da ecoloxía e da bioloxía das augas doces de Galicia, pero tamén doutras partes de España, ao tempo que realiza un labor de divulgación e de concienciación ambiental. Á fronte dun equipo de doce investigadores, Fernando Cobo Gradín (Santiago, 10 de Outubro de 1960) é unha das voces máis autorizadas para falar dos cambios ambientais que os arousáns perciben cada ano dun xeito máis patente nas súas vidas.

-A auga prevista para hoxe domingo está a ser unha excepción este ano, e non ten pinta de que vaia chover moito en breve. Os meteorólogos reiteran nos últimos tempos que mantemos unha pluviosidade dentro do normal. Pero as secas son cada vez máis frecuentes, e prolongadas…

-Si. Pero imos ver. O que hai que ter en conta é que as secas, igual cas enchentas, son normais, e repítense. Pero tendemos a poñernos máis nerviosos cando hai secas.

-Entón, ¿nin aos arousáns, nin aos galegos en xeral, nos toca comezar a esquecer a imaxe chuviosa e verde, e irnos afacendo a outro clima e a outra paisaxe?

-Non, non, non. De ninguna maneira. As secas son habituais no noso clima, igual cos períodos de choiva. Agora nin estamos nunha seca. Para poder falar de período de seca teriamos que pasar 2 anos chovendo a metade da media habitual, máis ou menos. As previsións do cambio climático a longo prazo é que se vai manter a mesma cantidade de auga. A auga é a mesma desde que se formou a Terra. Co cambio climático na nosa latitude agárdase que a cantidade vaia ser máis ou menos a mesma, pero o reparto máis desigual, con períodos de choivas fortes, e con máis secas. A auga vai estar sempre dispoñible, pero faráse máis caro facela consumible. Porque cada vez a estamos contaminando máis. Cada vez custa máis diñeiro e máis enerxía dispor de auga de calidade.

-¿Habería pois que ir pensando no Salnés en novos encoros?

-Novos encoros nunca. En Galicia temos auga dabondo para a poboación, tanto auga superficial, coma de pozos. Non se trata dun problema de oferta, senón de aforrar a auga. Hai que consumir dunha maneira máis responsable. Cada vez que facemos un encoro estamos a mermar o noso patrimonio natural. E por outro lado, os encoros, as canalizacións e a utilización da auga na industria e nos regos está alterando o ciclo global da auga. E como consecuencia do cambio global, non só do quecemento, os episodios extremos vánse repetir con máis frecuencia, a nivel global. Pero non é unha novidade. Vén desde que comezamos a globalizar a economía. En 1925, 1943, 1956, 1976 houbo secas moi fortes en Galicia. Se un ten plantas, e lle vai diminuír a colleita, claro que ten que preocuparse. Pero aí quen ten que actuar é a administración, prever as secas como unha continxencia económica previsible. Posibilitando algún sistema de regadío, liñas de subvencións ou de creto.

-¿Cal é o nivel da calidade da auga na ría arousá?

-A ría ten unha carga sensible de contaminantes que chegan de afluentes, e outros desequilibrios. Como un problema de contaminación urbana, fundamentalmente, de tipo orgánico, a sobrexplotación dalgúns recursos, un problema coas cinsas de incendios. No tocante á calidade ecolóxica, é preocupante na medida en que se está perdendo. Inda que se está a a facer un esforzo, en base á directiva europea, quedan zonas nas que a diagnose inda é mala. A abundancia da pesca de baixura, e de crustáceos, baixou moito nos últimos 50 anos, por exemplo.

«No Umia unha pranta está a alterar a circulación da auga»

-Outra vertente do cambio climático cada vez máis perceptible é a invasión de especies doutras latitudes. ¿A cales debemos temerlles máis en Arousa?

-Iso non é o cambio climático. É un fenómeno da globalización. O transporte arredor de todo o mundo fai que co home viaxen especies doutros sitios. E ás veces algunha destas especies prolifera, e pode xerar problemas graves. En Arousa hai moitas especies invasoras. Se falamos de plantas, temos problemas coas acacias, coa uña de gato; e no río Umia hai unha planta, a xente pensa que é unha alga, pero non o é, a elodea do Brasil, que está alterando significativamente a circulación da corrente da auga, deposita lodos e cambia o fondo, co que elimina zonas de reprodución de peixes, e impide que algúns insectos dos que se alimentan poidan colonizar zonas do río. De animais temos a avespa velutina, ou o picudo vermello, que nos preocupa porque está a destruir outra especie exótica, que non invasora, a palmeira.

-¿Hai maneira de evitar a súa colonización, ou é coma querer poñerlle portas ao campo?

-É poñerlle portas ao campo. Nisto a prevención é o fundamental. En España o éxito dos programas de erradicación de especies invasoras acadou tan só un 13 % nos 3-5 últimos anos. As especies invasoras consumen un montón de recursos. En Europa, 12.000 millóns de euros no 2013. A avespa velutina xa está comezando a desbordar toda a capacidade de intervención que teñen as administracións, como na uña de gato e nas acacias. No caso da planta do Umia, os intentos que se levan feito non tiveron éxito, porque se fixeron por xente que non estaba ben asesorada, e extendérona máis. Moitas veces os programas de erradicación de especies exóticas non están asesorados por expertos, e é peor o remedio cá enfermidade.

«Os eucaliptos hai que velos non coma bosque, senón coma un cultivo, coma un campo de millo»

-Verán tras verán a comarca perde masa forestal polos lumes. ¿Precisamos de máis carballos e de menos eucaliptos para non ver cada vez máis pelados os montes da ría de Arousa?

-Os eucaliptos non deixan de ser un cultivo. Cando miramos unha plantación de eucaliptos, é como se mirásemos un campo de millo, ou de patacas. O monte desta zona tiña máis cantidade de sobreiras, loureiros, érbedos, xestas; e poucos carballos. Esa era a vexetación típica de aquí; que está lonxe do que temos hoxe. É o que teriamos que tentar recuperar. Sobre todo porque son o que proporcionan máis refuxio, alimento, humidade e controlan mellor o ciclo hidrolóxico para as demais especies da zona; e regularían mellor os caudais. Repito, os eucaliptos hai que velos como o que son, unha plantación, que non ten nada que ver cun bosque galego, en absoluto. O seu propietario plantou eucalipto, como puido decidir plantar millo. Detrás do eucalipto está o home. Iso é o que hai que preguntarse, ¿por que a xente planta tanto eucalipto?

-¿Estase a traballar correctamente a nivel público e privado no mantemento e na recuperación dos recursos naturais de Arousa? ¿Cales deberan ser as liñas mestras dunha correcta política neste senso?

-¿Estase a traballar correctamente? Non. Hai moitos atrancos, moitas carencias, moitas actuacións que non están ben enfocadas. A proba é que o deterioro está a ser progresivo. Cada vez hai máis especies invasoras. ¿Iso que quere dicir? Que os sistemas de control non están a funcionar. Non hai mecanismos de compensación para que os propietarios do monte tenten recuperar o bosque autóctono. A calidade ecolóxica dos ríos e das rías, das augas, está diminuíndo, non se está a recuperar, ou a recuperación está a ser lenta, dalgo que estaba moi estragado. Non se está a facer ben. ¿Por qué? Moitas veces por incapacidade económica e material, moitas veces por falta de coñecemento. Pero tamén a poboación ten unhas eivas importantes en cultura ambiental. A formación ambiental non só ten que estar dirixida aos nenos, senón sobre todo ás persoas que están na súa plena capacidade decisoria. Habería que educar máis os adultos. Pero cunha boa educación ambiental, non cosmética, das consecuencias da degradación ambiental, concienciándoos da necesidade da recuperación con medidas efectivas. Medidas que traen un sacrificio, sobre todo desde o punto de vista económico.