Imagen:

A Panorama: «A orquestra logrou doar 89.434 euros contra o cancro nas oito galas anteriores»

A cara e a voz da orquestra galega por antonomasia atribúe a polémica de León á mala comunicación


vilagarcía / la voz

A treboada de León e os beneficios cero da novena gala contra o cancro caen de punta sobre Panorama. Lito Garrido colle o teléfono mentres regresa da capital leonesa, onde vén de ofrecer unha rolda de prensa para presentar as contas do espectáculo fracasado de maio.

-¿Que foi o que pasou realmente en León?

-A falta de información e o cambio na empresa que xestiona Panorama. O que pasou foi que estabamos afeitos a traballar coa Asociación Española Contra o Cancro de Pontevedra dun xeito determinado. O que nos lle entregabamos eran os beneficios da venda de cedés e produtos de merchandising de cada xira. Faciámolo, normalmente, na presentación da seguinte gala. En caso de que nos pedisen as contas, cousa que sucedeu nalgunha ocasión, amosabámosllas. Claro, todo cambiou en León. Parece que a asociación de alí levaba tempo pedindo esas contas. Como había dúas empresas, a produtora 4G e a empresa que nos xestionaba a nós, uns polos outros quedou a casa sen varrer.

 

-¿Vostedes non sabían nada?

-¿Do que estaba pasando? Non. Foi unha sorpresa moi desagradable que nos levamos a xente do elenco artístico. Quero supoñer que a empresa que nos levaba contaba con ensinarlles as contas en abril. Pero, como xa non temos relacións con eles, non o sei.

-A gala deu perdas.

-Deu. Choveu moitísimo aquel día en León. Nós contabamos con vinte mil persoas e ao final o público quedou na metade.

-¿Pero que sentido ten unha gala benéfica que non dá beneficios?

-É normal que a xente non o entenda se non llo explicas. A gala foi creada no seu día cunha intención: que fose una gran plataforma para darlle publicidade á venda de camisetas e de merchandising ao longo das nosas xiras, porque con eses cartos podiamos facer unha doazón para a asociación contra o cancro. Normalmente unha orquestra non vende camisetas, pero así a xente sabía o que estabamos facendo e colaboraba. A orquestra logrou doar 89.434 euros nas oito galas anteriores. Son datos que ofreceu a propia AECC.

-Ben, pero se os gastos superan os ingresos...

-Cando empezamos, a gala era gratuíta. Pero a xente cada vez pedía máis. O elenco de artistas foi medrando. Bisbal, Luis Fonsi, agora non chegan, tamén Bustamante... Iso, loxicamente, disparou os gastos. Os concellos, antes da crise, aportaban unha cantidade. Fíxate que en Ordes chegamos a xuntar 50.000 persoas. A TVG tamén puña unha cantidade e facía a súa produción. Logo tamén a Deputación. Puxemos 3 euros de entrada, logo 10, pero os gastos seguían medrando.

-Algo que a xente non entende é que nunha gala benéfica os artistas cobren o seu caché. Cen mil euros son moitos euros.

-Iso tamén ten unha explicación. Primeiro, esta xente non pode facer seguido actos benéficos, porque non faría outra cousa. Pero ademais é que era Panorama a que facía a doazón. Era a gala de Panorama, non a de cada un dos artistas que interviñan.

-¿Houbo quen ven sen cobrar?

-Todos cobraban un caché inferior ao normal, ¿eh?, senón sería imposible traelos. E si houbo algúns que non cobraron máis que os gastos. Na última edición lembro a DKB, Katia Aveiro e Canarias. King África tamén veu só polos gastos en galas anteriores.

Votación
12 votos
Etiquetas
León 4G AECC CRTVG Canarias África Ordes
Comentarios