O par de cabezas que non paran

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Rivas e Aitor Díaz, os dous centrais que están a ser o maior sostén goleador do Arousa, falan dunha xeira anecdótica para explicar a súa sinatura nun de cada catro tantos arlequinados, en xogadas de estratexia

24 ene 2017 . Actualizado a las 08:26 h.

Nin Jorge Otero abrazou o falso nove que tanto dera de que falar na era Del Bosque á fronte de La Roja, nin Pablo Rivas protagonizou unha nova e feliz reconversión na pizarra arlequinada; como a que completaba con óptimo rendemento para o equipo hai dous anos retrasando a súa posición desde o pivote de contención ao centro da zaga. E porén, aí está o de Rianxo á fronte da clasificación de goleadores do plantel da Lomba. Con cinco tantos no que vai de Liga. Os dous últimos nas dúas comparecencias do cadro vilagarcián no seu campo no que vai de novo ano. Cinco dianas que sumadas ás tres do compañeiro de Rivas no frontal da zaga arousista, Aitor Díaz, suman un gol máis, 8, cós 7 que saen da produción ofensiva dos dous dianteiros centros que manexa Jorge Otero tras a marcha de Alberto Cabanyes: Hugo Soto (3) e mais Sylla (4). Oito tantos traducidos en 17 dos 39 puntos sumados hoxe polo Arousa.

Cando lle mentamos a Rivas que é o pichichi do equipo, escápaselle unha gargallada. «A verdade é que é curioso, e anecdótico. Ogallá remate con dez goles a Liga, pero que os meus compañeiros dianteiros o fagan con 20 ou con 30». Unha reflexión que comparte o seu compañeiro de venturas nas xogadas de estratexia: «Es anecdótico. Esperemos que Hugo y Sylla nos pasen rápido; si no, malo. Esperemos que cojan rápido la racha, porque lo necesitamos».

Rivas e Aitor Díaz están exprimindo a súa habilidade como arietes a balón parado. Agás o derradeiro dos seus oito tantos conxuntos, co rianxeiro remachando o pasado domingo un centro de Suso ao borde da área no minuto 93 para poñer o definitivo 4-1 no marcador fronte ao Negreira, o resto dos goles naceron de xogadas a balón parado. No caso do de Marín, en candanseu córner. E todos, agás o que Rivas lle endosaba de remate raso na xornada 3 ao Negreira, ao que lle marcou nos seus tres partidos oficiais da tempada, coa cabeza coma estilete letal.

Alondras, como o pasado domingo no tempo engadido, As Pontes e Choco foron as outras vítimas de Rivas. Sempre entrando desde atrás. Igual cas dos goles de Aitor Díaz, todas xogadas de estratexia. Un arma que Jorge Otero e os seus homes forxaron con esmero durante a pretempada, e á que cada dúas semanas dedican arredor dun cuarto de hora para refrescar conceptos e introducir modificacións. «Sempre imos variando algunha posición, algún bloqueo, algún arrastre... porque os rivais xa che van coñecendo», sinala Rivas. Eses pequenos cambios, e a «liberdade» que, salienta, lles concede o seu adestrador á hora de coordinarse cos seus compañeiros nas accións a balón parado, son dous dos factores que suman para elevar a produción goleadora da parella de centrais.

Tamén o fai, como non, «encontrar buenos lanzadores. Julio -Rey-, Fran -Fandiño- y Sergio -Santos- son buenos peloteros, que nos las están poniendo bien», agrega Aitor Díaz. «Con eles é moi doado rematar. Case só tes que poñer a cabeza para que che bata o balón nela e entre», engade Rivas, quen completa a ecuación cun «despois tes que ter a sorte de que o balón vaia onde vas ti». Iso, e «ir con ganas al balón», salienta a súa parella de armas.

Os dous centrais titulares do Arousa tan só precisaron 22 xornadas para igualar rexistros persoais. Rivas, a súa mellor marca goleadora na Terceira, na primeira tempada do último regreso do cadro arlequinado á categoría, cando inda xogaba de mediocentro. Aitor Díaz, os seus tres goles da campaña pasada. Este último tira de sabiduría popular para comentar que «las buenas rachas hay que aprovecharlas. A ver si seguimos marcando así». Que as cabezas non paren.

fútbol / tercera división

Mellorar o seu labor na portería propia, obriga para acceder a unha promoción á que xa aspiran

«O importante é que temos unha boa dinámica. Temos as ideas claras e o estilo definido. Tentamos ter o balón, e conducilo controlado». Rivas, como Aitor Díaz, antepón o colectivo á súa faceta goleadora. Ata o punto de sacar ambos o debe das súas traxectorias persoais esta tempada. «Estamos encaixando demasiados goles. Goles nos que podiamos facer algo máis para evitalos. Como hai un par de semanas fronte ao Choco, cando eu lle cedín un balón ao noso porteiro e non vin o dianteiro na liña de pase», di o de Rianxo. «Nós para marcar temos que chegar oito veces, e aos rivais semella que lles chega cunha ou con dúas».

Na mesma liña, Aitor Díaz declara que «con pocas ocasiones nos hacen gol. Por despistes. Defensivamente tenemos que intentar ser más eficaces atrás, mantener la portería a cero».

De conseguilo, e «marcando más el equipo, pelearemos por la promoción», aposta o de Marín, quen manifesta que «ahora que estamos ahí, debemos pelear por ser campeones». Sen ir tan lonxe, a súa parella na zaga apúntase tamén á promoción: «Se hai que apostar, si, apostaría que remataremos entre os catro primeiros».