Asmubal e Rasoeiro, xa só pode quedar un

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O gañador hoxe no pavillón de Coirón debería entrar na liguiña de acceso á promoción á División de Honra B Feminina

21 ene 2017 . Actualizado a las 05:05 h.

A Primeira Autonómica Feminina, a máxima categoría galega, arrincaba a presente tempada co aliciente de ver fronte a fronte a dous equipos do Salnés. Ao Rasoeiro sumábase o Teucro-Asmubal, un conxunto este xurdido da unión de media ducia de balonmanistas do club pontevedrés, catro séniores meañesas, e outras tantas xuvenís da entidade de Coirón, ás que esta última tiña especial interese en ir curtindo máis aló das ligas de formación. Hoxe, na cancha do Teucro-Asmubal (20.15 horas), os dous equipos xogaránse o todo polo todo, co gañador clasificándose virtualmente para a liguiña de acceso á promoción á División de Honra B, limitada aos catro mellores da Primeira Autonómica e aos dous da Segunda. E co perdedor condenado a penar o resto da campaña nunha fase de permanencia costosísima en materia de desprazamentos.

A falta do encontro de hoxe e do da derradeira xornada, o Teucro-Asmubal é terceiro da Primeira Autonómica con 16 puntos, polos 14 do Meloxeira Rasoeiro, quinto. O conto é que a vindeira semana o Teucro-Asmubal deberá visitar a cancha do líder, un Porriño B que conta por vitorias os seus doce partidos de Liga precedentes. Ao cadro grovense, pola contra, tócalle recibir o Tui, sexto e antepenúltimo con tres triunfos e nove derrotas. O Caselas, cuarto en discordia con 15 puntos, visitaba na noite de onte precisamente o Tui, para completar o calendario en sete días recibindo o pechacancelas, Xiria. E ningún dos adestradores do Salnés confía en que falle.

O meco Víctor Garrido vive a súa terceira tempada á fronte do Asmubal. A derrota co Caselas hai sete días fíxolle pasar o seu equipo do pase virtual á fase pola promoción a depender do que aconteza hoxe, porque en Porriño «contamos con perder», di. Sen a lateral dereita Paula Rey, lesionada o 30 de decembro, opina que as claves dun hipotético triunfo local pasan por «sabernos repregar fronte ao seu bo contragolpe, e defender ben o dous para dous coa súa pivote, Uxía».

Pablo Filgueira, técnico do Rasu, xoga sen a súa extremo dereita Andrea Barreiro, lesionada hai un mes para o resto da tempada. Filgueira apela á liña ascendente do seu equipo, e á recarga física durante a minipretempada navideña para superar a un rival do que salienta o xogo coa pivote e a finalización das súas extremos.