«As boticas hoxe non poden vivir só dos medicamentos do seguro»

mar gil OURENSE / LA VOZ

AROUSA

As farmacias galegas resisten a caída demográfica mellor que as doutras comunidades

08 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Muradás, ourensán de Beariz nacido en México en 1953, preside o consello reitor da cooperativa farmacéutica Cofano, que distribúe diariamente produtos para a venda a 600 farmacias de Pontevedra e Ourense e algunhas do sur de Lugo e da Coruña. Hoxe organiza no mosteiro de San Clodio unhas xornadas profesionais para conmemorar o 65 aniversario do seu nacemento. «Soa a xubilación, pero estamos cheos de enerxía», asegura Muradás.

-Con 130 traballadores e unha facturación anual de 230 millóns, soa estraño ser cooperativa.

-Pois somos unha cooperativa no sentido ortodoxo, no máis estrito, e, ademais, somos a oitava empresa de distribución farmacéutica en España. Hoxe moitas cooperativas distorsiónanse e funcionan como grandes empresas, pero non é o noso caso. Nós distribuímos produtos e tamén ofrecemos servizos que hoxe demandan os nosos socios e os cidadáns.

-Nun momento de movementos de concentración no sector, ¿está sendo tentada Cofano?

-Hai bastante efervescencia no mundo da distribución farmacéutica española e moitos intentos de absorción e Cofano ten unha dura competencia, pero nós imos seguir sendo unha cooperativa ortodoxa e galega; estamos nesa idea e hai moitas cooperativas que pensan coma nós, sobre todo no norte de España, e temos establecido acordos, converxencias e sinerxías con eles. É moi gratificante crear emprego e ter actividade aquí, na nosa terra.

-¿Hai negocio?

-A nosa cooperativa, con cubrir gastos e manterse, cumpre. O resto, se hai beneficio, repercute nas farmacias, que é a razón de ser. Sempre dicimos que esta é unha empresa concibida ao revés: non está para facer negocio senón para facilitar o negocio. De todos modos, os números deste ano son satisfactorios, estamos en incremento de vendas.

-O negocio parece estar cada vez menos nos medicamentos. Agora as farmacias parecen grandes supermercados.

-Hai conceptos de botica que quedaron moi atrás porque hoxe non é posible subsistir só coa dispensación de medicamentos do seguro, de aí que as boticas se transformen e tamén os almacéns de distribución coma nós. Iso palía dalgunha maneira os recortes do sistema de saúde que temos, que hai que salientar que é un dos mellores do mundo. Nós temos unha liña, Cofacare, que ofrece formación e produtos de autocoidado; non se trata só de comprar e vender senón de ofrecer aos profesionais todo o que demandan: por exemplo, financiamento ou formación en distintas áreas para que eles a poidan transmitir aos cidadáns e prestarlles servizos como analíticas, tests de pel ou screenings de cancro de colon, ou formación sobre nutrición ou risco cardiovascular, como xa se está facendo hoxe nalgunhas farmacias.

-Teñen almacéns en Pontevedra, Vigo e Ourense. O difícil debe ser chegar ao rural.

-A dispersión poboacional paliámola todos os días con moitas rutas e mantementos custosos. Todos os días chegamos, polo menos dúas veces, aos puntos máis apartados e nas cidades hai, polo menos, catro servizos diarios de distribución. Galicia é como é, fermosa, pero ten inconvenientes como a poboación dispersa, pero nós chegamos a todas partes.

-¿Pecharán moitas farmacias do rural?

-Non sabemos, pero non creo. A farmacia media galega resiste ben as dificultades; hai comunidades en España que resisten peor. As rurais teñen o valor engadido dun valor sanitario moi amplo; no rural a farmacia é moi valorada como punto de saúde, o mesmo que nos barrios. Nese sentido a farmacia ten cambiado moito, son máis ben puntos de saúde e non só de venda, e son tamén referencia para vendas relacionadas coa hixiene, coa dermocosmética ou coa nutrición.

-¿Os recortes acabaron co status económico do farmacéutico?

-Hai moito mito sobre iso; é unha profesión como outra, con xente que destaca máis ou menos, con xente que gaña para vivir... Antes as marxes eran outras, é certo, e o cidadán hoxe mira máis o que custan as cousas, aínda que siga gastando.

«A farmacia ten cambiado moito; agora é máis ben un punto de saúde

e non só de venda»