«Ás veces danme ganas de chorar do ben que me sinto»

La Voz

AROUSA

M. Moralejo

O martes e o mércores actuará no Grove xunto a Touriñán, David Amor, Pepo Suevos, Fede e Marcos

22 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O cartel é deses que só adoitan verse, se cadra, en festivais benéficos. Non é por tanto de estrañar que houbese que engadir o mércores outra sesión a xa anunciada para o martes. Cinco dos máis grandes cómicos galegos do momento reunidos nun mesmo escenario. Porque si. Porque son amigos. Deste xeito El Patio conságrase como herdeiro natural, tamén con Nacho Escalante á fronte, do legado que no mundo da escena acadou o Mohai.

-¿Cómo xurde este encontro?

-A partir dunha escusa un pouco parva como era vir ao Grove a probar o pádel surf leouse toda esta pandilla que, por outra parte, é fácil de lear.

-¿Como son estas funcións?

-Máis desenfadadas. Entre nós temos moi boa relación e encántanos quedar para botar unhas risas. Despois, claro, sempre xurde certo pique por ver quen queda mellor. Realmente coido que o pasamos mellor nós que o público.

-¿Qué lle falta a esta xeración de cómicos galegos para triunfar polo mundo adiante?

-Algúns como David Amor ou eu mesmo xa traballamos máis fóra que en Galicia. Pero si que hai unha cuestión que fai máis complicado que un cómico galego teña recoñecemento fóra. E é a barreira idiomática. Se o idioma fose o mesmo este xeito tan persoal que temos os galegos de facer humor exportaríase e triunfaría. Sen dúbida.

-Presénteme aos seus compañeiros de función. ¿Que me di de Fede?

-Paréceme fantástico que un tipo que chegou doutro mundo, como el, que é lingüista, teña esa capacidade para comunicar co público.

-¿Pepo Suevos?

-É un todoterreo, unha máquina de traballar. A cabeza trabállalle a unha velocidade inconcibible. É capaz de facer mil chistes por minuto.

-¿Touriñán?

-É un fora de serie. Un cómico deses que hai un entre un millón. Chámese López Vázquez, Paco Martínez Soria, Cantinflas ou Touriñán.

-¿David Amor?

-Ten o talento tan grande como as súas mans. Ten unha cousa que me gusta moito e é que sendo un tío tan grande e con esa pinta de follador transmite bondade e xera moita tenrura.

-¿E Marcos?

-É o tipo con máis don para facerme sentir ben que coñezo. Ninguén me fai rir tanto coma el. Diga o que diga a min faime rir.

-¿E que pensa que dirán eles de vostede?

-Non teño nin idea. Só sei que para min reencontrarme con este grupo ten unha parte case de morriña, de recuperar as miñas raíces. Ten algo que me fai sentir moi ben. Ríome moito con eles pero ás veces danme gañas de chorar do ben que me sinto.