«O lío non é ir actuar a un sitio, o lío e poder volver a ese lugar»

La Voz

AROUSA

monica ferreiros

O humorista presenta xunto a Luis Davila o seu novo espectáculo, este domingo, no Pazo da Cultura

03 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Blanco é un dos grandes representantes actuais do noso humor. Actor e humorista, a súa bagaxe non coñece límites e a súa figura é xa un clásico da retranca. O próximo domingo, xunto a Luis Davila, traerá á cidade do Lérez o seu espectáculo Menú da Noite. Unha oportunidade para rir e gozar dende a butaca.

-Como en moitas disciplinas, parece que a unión de talentos fai a forza.

-Coido que si. Non sei se sempre é así, pero neste caso a forza que poidan ter as miñas grazas, ou os meus chistes, gañan potencia con Luis coma debuxante. Cando entre dúas persoas hai química, non só se suma, se non que se multiplica realmente. Neste caso hai química.

-É curioso, coido que vostedes son os primeiros no ámbito do humor en mesturar monólogos con debuxos en directo.

-Alguén me dicía o outro día, ao rematar a función, que nunca vira nada así. Se algún mérito ten o que facemos, que vén sendo entreter ao público durante uns oitenta minutos aproximadamente, é facer algo novo. Traballamos moito nese sentido, na novidade. Este segundo espectáculo caía de caixón facelo, xa que no primeiro investigamos moito como logralo, a combinación dos tempos. Agora tiñamos moito máis claro como xogar co que tiñamos entre mans.

-¿Pode que o monólogo tradicional teña xa uns certos límites autoimpostos e esta forma de humor aínda non?

-O certo é que pode que crearamos unha especie de xénero sen pretendelo, só por pura investigación. É un espectáculo visualmente moi espectacular grazas a Luis. Foi difícil combinar ambas facetas, os descansos, por exemplo. Luis é un dibuxante compulsivo, debuxa en todas partes. Ao longo do espectáculo fai un esforzo tremendo.

-E a xente respondeu moi positivamente.

-Si, pero non convén esquecer que, se o domingo hai 1.400 personas, e en Pontevedra hai 90.000 habitantes, hai oitenta mil e pico que non veñen (ri). Non, o día que me queixe do público que me dean uns lategazos, porque o merecería. Eu vivo do público e tento sachar, que marchen con gañas de volver. Eu sempre lle digo á xente que o lío non é ir aos sitios, o verdadeiro lío é volver a actuar nese lugar.

-¿Pode ser que Davila e vostede traballen exactamente o mesmo público e de aí a boa química?

-Traballamos a mesma leira, si, pero sobre todo traballamos a autoestima. Queremos dicirlle á xente que miren o lado bo das cousas, o lado bo do asunto.

-Neste espectáculo deixan a saia de lado e visten de traxe ou esmoquin, ¿volveuse máis seria a cousa?

-Non, non, para nada, que va. ¡Se chego a pórme un mandil cunha pirola enriba do escenario! A seriedade nun espectáculo de humor non ten porque ser a do vestiario. Gustábame a saia porque non era unha prenda asociada ao home, e agora quería traballar co traxe porque é algo máis asociado a Brodway, ao número musical. E ademais comprara un esmoquin para a miña boda e eu quería usalo, así que atopei a desculpa perfecta.