Atlético de Madrid e Celta de Vigo tamén repiten no cartel do AF7

vilagarcía / la voz

AROUSA

O Celta gañou o AF7 1997, subcampión no 2014 e rozou a final 2015.
O Celta gañou o AF7 1997, subcampión no 2014 e rozou a final 2015. M.I.< / span>

Os dous equipos poderán pelexar no mes de maio por facerse co que sería o seu segundo título no campo da Lomba

04 feb 2016 . Actualizado a las 05:05 h.

A organización do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 continúa fiel á súa tradición continuísta de edición en edición, introducindo pequenos trocos para cubrir a necesaria parcela de novidades, pero mantendo os grandes nomes na medida das súas posibilidades.

Así, e tras desvelar hai sete días o Real Madrid e o Deportivo da Coruña coma primeiros nomes confirmados no capítulo de equipos convidados na súa fase final (6 a 8 de maio, campo da Lomba), onte desde o AF7 informouse de que o R.C. Celta de Vigo e o Atlético de Madrid tamén repetirán. Nestes dous últimos casos, como no do xigante merengue, co trofeo vilagarcián nas súas respectivas vitrinas.

O R.C. Celta ergueu a copa de campión na segunda edición, a do 1997, na que derrotou o daquela anfitrión Arousa na gran final. No 2014 o cadro celeste voltou ao partido polo título, pero foi goleado, 1-5, por un Inter de Milan que impuxo o seu físico descomunal á técnica preciosista da escola da Madroa, despregada por un conxunto vigués que chegaba á final moi desgastado. O ano pasado o Celta quedouse ás portas de voltar pelexar polo trofeo do AF7, eliminado a penaltis polo á postre campión F.C. Barcelona nas semifinais tras un 2-2.

O Atlético de Madrid, pola súa banda, fíxose coa edición 2012 do torneo internacional alevín. Daquela endosándolle un espectacular 7-2 ao Valencia.

Noutra orde de cousas, os responsables do AF7 advertían onte de que están a piques de ver cubertas as 40 prazas da primeira quenda da fase previa de Semana Santa no Manuel Jiménez (24 e 25 de marzo). Os interesados poden inscribirse na web do torneo, arousafutbol7.com.

fútbol