Tres graves erros privan o Arousana do segundo posto

vilagarcía / la voz

AROUSA

O conxunto vilagarcián perdeu 3-1 na súa visita á Escola de Fútbol Mareo

10 nov 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

Cun 3-1 en contra voltou o Atlético Arousana do seu desprazamento dominical ao campo xixonés da E.F. Mareo. Un resultado excesivo, e co que o cadro vilagarcián pasou de ver pasar a súa oportunidade de escalar á segunda praza de grupo na Segunda Nacional a caer ao quinto posto na clasificación.

Coa E.F. Mareo repregada, o Atlético Arousana deixouse coller nunha contra pasados pouco máis de 10 minutos de xogo. Cun balón cruzado ás costas dunha das laterais de Nando, que Rocío non deu abortado no man a man coa goleadora asturiana. Unha acción que mediada a primeira parte consolidou o cadro local nun córner mal defendido polo Atlético Arousana con envío ao segundo pao.

Co 2-0 chegou o plantel galego ao descanso, e con 3-0 arrincou a segunda parte. Encaixando novamente no minuto 49. De novo nun erro garrafal, nun mal despexe na área que facilitou o traballo da E.F. Mareo.

O Arousana comezou entón a transformar a posesión do esférico entregada polo seu rival en ocasións de gol de Sara Pazos e de Marta Besada, ademais dun penalti por man que non pitou o árbitro, e unha acción idéntica na que si rematou sinalando a pena máxima, con Belén anotando o 3-1 de penalti con case media hora inda de xogo por diante. Tempo no que, como quedou apuntado, as arousás tiveron chegadas suficientes para alomenos arrincar un empate.

Xogaron polo Atlético Arousana Rocío, Sariña, María Arufe, Carla (Pau, min 81), Cris, Caro, Miri, Zaira (Marta Besada, min 55; Barral, min 89), Pazos, Ari e Belén. O peor, a escordadura de nocello de Marta Besada, que a converte en dúbida este domingo no Manuel Jiménez frente a un Sárdoma cuarto na clasificación un punto e un posto por riba do Atlético Arousana.