«Agora cumpro anos dúas veces; cando caín pensei que aí quedaba»

AROUSA

Pepe o utillero volveu onte á Lomba, onde xa están instalados os andamios para tapar o burato polo que caeu dende oito metros.
Pepe o utillero volveu onte á Lomba, onde xa están instalados os andamios para tapar o burato polo que caeu dende oito metros. mónica ferreirós< / span>

Catro meses despois, Pepe rememora o accidente que case lle custa a vida

30 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Será difícil que, na comunidade do Arousa, algún susto poida superar o que José María García Bello protagonizou o 9 de abril, a iso da unha e cuarto da tarde, cando o seu intento por recuperar varios balóns da cuberta de preferente da Lomba estivo a piques de acabar coa súa vida.

-¿Como se atopa agora?

-Vou todos os días a rehabilitación, sobre todo pola man, porque non teño forza, case non podo pechala. É o que máis me preocupa. E, aínda que coa muleta, eu camiño todos os días. O outro día fun andando dende aquí [Pepe vive de par do campo da Lomba] ata a lonxa de Carril, pouco a pouco. Logo trouxéronme de volta en coche, iso si.

-Pero iso deben de ser cinco ou seis quilómetros. ¿E na casa? ¿Non lle din nada?

-Pois ás veces berran comigo, dinme que non ande tanto, pero eu non podo quedar quieto. A verdade é que só botei no hospital 22 días. Os médicos estaban sorprendidos de que me recuperase tan rápido. Agora, en agosto, teño que ir facer unhas probas de sensibilidade na man con agullas. A ver que me din.

-Porque as lesións...

-Rompín a cadeira por catro sitios distintos. Déronme 24 puntos na cabeza, a man dereita quedou esnaquizada, os ósos coma se fosen faíscas. Déronme outros 32 puntos no brazo [a cicatriz do antebrazo fala claro]. Só polo da man entrei no quirófano ás dez e cuarto e saín ás tres e vintecinco da tarde. Estaba desfeita.

-¿Lembra o que pasou?

-Claro. Non perdín o coñecemento ata que cheguei á UCI. Subíronme na grúa ata a cuberta porque tiñamos nove balóns e viña o Pontevedra o domingo. Aló arriba debía de haber catro ou cinco polo menos, así que fun.

-¿Pero sabía onde se metía?

-Non era a primeira vez, fun dúas ou tres antes. Fíxate que eu subín por un lateral e cando caín viña xa de volta, despois de percorrer a cuberta ata a outra punta. Aló arriba eu ía vigueta por vigueta, colocando os pes para non ter que pisar en falso.

-¿Que pasou entón? ¿Perdeu o equilibrio?

-Perdín, e foi entón cando tiven que poñer un pe na uralita... E para abaixo.

-¿Tamén lembra a caída?

-Si, caín e rodei ata a parte de abaixo de todo da grada. E alí quedei, no medio dun charco de sangue, pensando que alí acababa todo. Comecei a berrar pedindo axuda e viñeron dous operarios do Concello que estaban amañando o da auga quente para as rapazas do Atlético Arousana, tamén Javier Vicente e Protección Civil. O que máis lles preocupaba era o corte na cabeza. Portáronse todos de marabilla. Quero darlle as grazas a todos os que se preocuparon por min, os que me viñeron visitar, os que chamaron por teléfono, os que mandaron mensaxes... A min váleme o mesmo. Cando volvín, un dos días do Fútbol 7, Javier viume e deume unha aperta enorme, chorando.

-Pódese dicir que o fútbol case lle custa a vida.

-O fútbol e a vocación de querer todas as cousas ben feitas. Non pensamos no risco. Eu teño 56 anos. Cumprinos o 19 de xuño xa fóra do hospital. Pero a verdade é que agora cumpro anos dúas veces; cando caín pensei que aí quedaba... Grazas a todos.

-¿O club pórtase?

-Pórtase. Moi ben. Todo son facilidades, están moi pendentes.

-¿E puido vir o domingo ver o partido na Lomba?

-Non puiden. A ver se podo ir este domingo a Ribeira, ao triangular tamén co Compostela.

-Disque non estivo mal e que a cousa apunta á promoción.

-Iso lin nos xornais, pero eu teño que ver un par de partidos para ver por onde van os tiros. Aínda non os vin adestrar. Coñezo os xogadores da tempada pasada, pero fáltanme os novos. A min Martín Barreiro gustábame para atrás. Agora Hugo ten que destacar adiante, se ten alguén que lle meta balóns ben.

-¿E vostede? ¿Cando volta?

-De momento pouco podo facer máis que falar con Sila para que saiba onde están as cousas e como se van facendo.

-Dígame, ¿volvería subir?

-¡Non, ho! Xa pode haber cincuenta balóns. Nunca na vida.

josé maría garcía bello utillero que caeu dende a cuberta da grada da lomba

«Volvía da outra punta, vigueta por vigueta, cando perdín o equilibrio e pisei na uralita»

«Lembro todo, tamén a caída; non perdín o coñecemento ata chegar á UCI»

«Teño que dar grazas a todos pero non volvo subir; xa pode haber 50 balóns»