«Sempre haberá bateas, o que non sei é se haberá tantos bateeiros»

AROUSA

Lorenzo co seu sucesor á fronte de Opmega, Ricardo Herbón.
Lorenzo co seu sucesor á fronte de Opmega, Ricardo Herbón. m.m.< / span>

Cree que unidade e diferenciación son imprescindibles para o sector

12 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non foron anos fáciles os que Ignacio Lorenzo pasou á fronte de Opmega, a principal organización de bateeiros de Galicia. Co sector en pleno proceso de desintegración, a crise económica galopando sobre o país e unhas mareas vermellas especialmente virulentas, a presión que tivo que aguantar a súa equipa directiva foi moita. «Antes, aquí non se vendía o mexillón, despachábase. Agora si que hai que vendelo», di Lorenzo, que se declara esgotado.

-Levabamos seis anos. E nunha etapa especialmente dura. Estabamos en pleno proceso de concurso de Megalmar, cunha débeda de varios millóns á que facer fronte nun momento no que o sector está como está. Viñemos para sanear Opmega e ese obxectivo cumprímolo porque a día de hoxe, e grazas ao sacrificio de todos os socios, a organización non ten ningún tipo de débeda con ningún acredor. Fixo falta moito traballo e suor para aguantar Opmega. Foi un traballo de toda a directiva, e quero agradecerlle aos meus compañeiros o seu labor.

-Deixa o cargo nun momento no que parece que as cousas melloran. ¿Ou é só unha ilusión?

-O sector está igual de mal que hai uns anos. Estes últimos meses estase vendendo algo mellor, pero nós seguimos sendo un xigante con pés de barro. En canto volva a aparecer un episodio tóxico prolongado pola porta, que nos afecte ás vendas, volveremos a estar mal. Porque a realidade é que non temos elementos, nin estruturas para vender o noso produto con dignidade.

-¿Os prezos son indignos?

-Estamos en prezos moi baixos. En prezos peores que hai unha década, un dez ou un quince por cento por debaixo. Os socios de Opmega estanse aguantando, pero hai zonas que non facturan 10.000 euros por batea.

-Dirame, como todos os bateeiros que coñezo, que a solución pasa pola unidade...

-O sector desintegrouse por completo. Hai uns anos, estaba organizado arredor de Opmega e Arousa Norte. Nós pasamos de ter 1.800 bateas a 750. Arousa Norte, agora, está case desaparecida... E o que está claro é que os momentos boiantes do sector mexilloeiro déronse cando Opmega era forte, e aguantaba por todos. Hoxe o que facemos os bateeiros é vivir o presente. Non somos capaces nin de pensar no futuro.

-Os Bateeiros Unidos pedíronlles as asociacións que traballaran pola unión.

-Nós xa estamos unidos e organizados.

-¿Hai indicios de que o sector se volva a unificar?

-Eu a unidade véxoa moi lonxana. Coa novas normativas europeas, todos os fondos europeos van ir para as organizacións de produtores. O que non estea nunha OP non vai poder acceder a eses fondos, así que o tema das subvencións vaise acabar para quen non estea nunha OP.

-¿E iso non é unha boa noticia para Opmega?

-Home, non é o mesmo uha OP que representa ao 25 % do sector que unha OP forte.

-Hai quen pensa que nestes últimos anos dende a produción, incluída Opmega, se lle fixo certo seguidismo a Anfaco.

-O único contrapeso forte que ten Anfaco no sector é precisamente Opmega. Cando se empezou a falar de facer voluntaria a información sobre a orixe dos produtos na etiquetaxe, Opmega presentou alegacións e fixo o seu traballo... Pero Anfaco pesa máis ca nós. Sobre todo porque daquela, no verán do 2013, convocamos ao resto do sector a unha reunión e non apareceu ninguén. E agora todos se lamentan porque a conserva non ten que dar información aos consumidores.

-¿Que se lle ven á cabeza cando escoita o nome do Intecmar?

-É un centro que a nivel mundial está moi prestixiado. Hai que recoñecer que nunca houbo problemas sanitarios por culpa do mexillón galego. Porque, por moito que as veces se lle achacaron ao noso produto problemas, nunca quedou demostrado que así fose. De todas formas, está claro que hai cousas que non compartimos co Intecmar, como pode ser o protocolo de aperturas... Pero estou seguro que se hai colaboración co sector, todo se pode mellorar. E que se o Intecmar pecha unha zona, é porque realmente hai toxina.

-E, malia todo, hai moitos bateeiros que dubidan diso.

-Xa o sei, pero non teñen razón. Opmega fai os seus análises e podo dicir que cando o Intecmar pecha un polígono é porque realmente hai toxina. Aínda que hai algúns protocolos que se poderían mellorar.

-¿E que pensa cando lle din que o sector ten que aprender a convivir coas mareas vermellas?

-Penso que o sector xa convivíu coas mareas vermellas hai moito tempo. A toxina haina todos os anos. O problema, e volvemos ao de antes, é que estamos desorganizados, e que un produtor por si solo non pode convivir con ese problema. En Opmega, quen ten bateas en polígonos pechados acumulan pedidos, cupos. Grazas a ese sistema, cando abrían os polígonos non se producían caídas de prezos. Daquela convivíamos coa toxina perfectamente. Opmega segue facéndoo, seguimos gardando cupos e seguimos convivindo. Pero agora os prezos si que caen.

-Falemos da DOP, que ultimamente é a única fonte de alegrías para o sector.

-Cando a directiva da que formei parte chegou, a DOP estaba paralizada. E dende a dirección de Opmega déuselle un pulo importante ao consello, participando en negociacións e conseguindo, por exemplo, que unha das máis grandes conserveiras lle puxera o selo as súas latas, co efecto que iso tivo noutras empresas. Por non falar do esforzo de todos os socios e Opmega, que son os que sosteñen o Consello no que a financiamento se refire. Son os que o manteñen aberto. É unha aposta forte, pero que temos que facer, porque a diferenciación é outro dos elementos que lle poden dar sentido a todo isto.

-A verdade é que o panorama é complicado. ¿A quen lle botamos a culpa? ¿Á Administración?

-O principal é demérito noso. Levamos máis de sesenta anos producindo mexillón e non o damos vendido con dignidade. En Chile levan dez e o chorito xa é máis caro que o noso... É unha pena.

-¿Atrévese a vaticinar como estará o sector dentro de dez anos?

-Non o sei, a verdade.

-Polo menos haberá bateas.

-Sempre haberá bateas, o que non sei é se haberá tantos bateeiros.

ignacio lorenzo ex presidente de opmega