Muros sociais

Anxo Queiruga PRESIDENTE DE COGAMI

AROUSA

23 nov 2014 . Actualizado a las 04:56 h.

Dende fóra, dende o ámbito de quen non ten que pelexar día a día co estupor do que che pode ocorrer, pode parecer que as barreiras se clasifican nitidamente entre as físicas e sociais ou psicolóxicas. Pero non é así. A liña pode ser tan fina que unhas poden confundirse coas outras, ou unhas poden conducir ás outras. Unha barreira física pode levar a que unha persoa viva illada, como vive illada non é coñecida e, como non é coñecida, ninguén pensa nos seus obstáculos. Baixo esta reflexión non podemos meter dentro dun enorme bucle de tránsito a ningún sitio.

Ocórreseme un exemplo. Imaxine que vai de viaxe a Azerbaiyán, alí só se fala o que se fale en Azerbaiyán, vostede non entende nada e ninguén o entende a vostede. A cousa máis cotiá como pedir un vaso de auga supón un esforzo constante, esgotador. ¿Que se fai? Saír por patas e non volver. Pero unha persoa xorda non ten a onde saír por patas, e unha persoa con mobilidade reducida, ten que volver todos os días. O problema é ese, que as persoas que se enfrontan ás barreiras non están de vacacións, están desenvolvendo a súa vida, na súa casa, niso que chaman a súa sociedade.

En vez de supoñer, pensemos no que ocorre cando a un neno se lle segrega ao non poder acudir a un parque infantil por non estar deseñado para todos. Pois ten dous efectos demoledores para o seu futuro: un deles é non poder socializarse cos demais nenos para que o vexan como a un máis e medrar cos que terían que ser os seus amigos; o outro é que afasta aos seus pais dos demais pais, impedíndolles compartir experiencias, compartir inquedanzas, sentirse apoiados, relacionarse e medrar en compañía.

Din que as barreiras físicas se superan con axudas técnicas e as sociais con educación. Que para superar un problema, o importante é encontrar solución. Dicir din, e así damos un certo brillo, pasamos o pano, levantamos a esquina da alfombra e todo limpo. Pero no fondo, todos sabemos que no é así. Vivimos dándolle as costas a moitísima xente que pola súa condición singular, pola nosa falta de vergoña social, enviámolos e deixámolos nunha sentina de escombros, nunha cova de náufragos. Sós.