«A cultura debe ser o noso vencello»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

MONICA IRAGO

A mostra do creador vilagarcián amplíase ao longo dunha semana máis na capital arousá

23 nov 2014 . Actualizado a las 09:18 h.

O reencontro de Chaves (Vilaxoán, 1959) co seu público en Vilagarcía vaise prolongar ata fin de mes. A loxística permite, pois, outro xiro para Pintura s/pintura.

-¿Como vai a mostra?

-En primeiro lugar foi unha inauguración estupenda, con moitísima afluencia tanto do mundo da arte como de xente coñecida, e tamén un amplo espectro político e sindical. Interesante, porque penso que a cultura, independentemente do pensamento de cada un, nunca debe seccionar a sociedade, como sucede a cotío. Sempre foi algo que combatín. A cultura debe ser o noso vencello para entendernos de forma sosegada.

-Algo que, por outra banda, tamén lle senta ben ao propio espazo, á Rivas Briones, que durante un tempo pareceu cuestionada.

-Si, en certa forma a exposición ten un segundo sentido pola miña banda, o de seguir a reivindicar este espazo non só no panorama de Vilagarcía e da comarca, senón tamén de toda Galicia. Xente que vén de fóra sorpréndese ao atopar un espazo ao nivel de calquera cidade. É desexable que todo vaia volvendo a unha normalidade lóxica, cunha programación seria e continuada que manteña todo o que se conseguiu nestes anos. Crear un certo público para unha arte contemporánea moi instalada no tempo. Isto costa anos e moito esforzo, é algo que non só hai que coidar, hai ir máis aló, hai que mimalo.

-¿Reflicte esta mostra quen é e en que anda Chaves hoxendía?

-Reflicte, si. A miña preocupación pola abstracción. E sobre todo por procurar unha certa alquimia cromática cunha técnica mixta que emprega moitos materiais distintos, pigmentos diferentes, tintas... Se cadra na exposición apréciase esa aposta miña por unha cor máis alquímica, mesmo un tanto máxica. Formalmente representa un pouco a continuidade con ese meu esquema abstracto que introduce algún elemento figurativo, fundido, usado coma mancha cromática. Na liña de tentar afondar, esencializar a pintura. De aí vén precisamente o título, pintura que fala de pintura.

-¿Son importantes os títulos?

-Son unha cuestión esgotadora. Nos abstractos xeométricos sempre existe a tentación de numerar, pero paréceme moi frío. Ás veces os títulos preceden as obras, sintetizando literariamente o que ti procuras pintar. Outras veces aparecen voando, no medio da realización da obra, e noutras ocasións son posteriores, chegan logo de semanas tentando atopar un nexo literario que achegue a obra á xente. O título non define a obra, pero ás veces axuda a conectar con ela.

-¿E que tal está conectando?

-Pois estou moi contento, sobre todo pola xente nova que está vindo. Escoitas comentarios do tipo «non entendo moito, pero ese negro me mola». É algo moi agradable porque entre as cousas que máis me preocupan está o confinamento nun ámbito xeracional determinado e o da xente que está vinculada a este mundo. O non poder chegar á xente nova. Ter un gancho con eles é verdadeiramente fascinante e nesta exposición estouno a notar.

-O certo é que esas obras negras si semellan fuxir da súa liña.

-Son dúas pezas que tiña reservadas para unha serie de pinturas negras, místicas. O negro é duro, estraño, pero curiosamente esa pintura aparentemente tan seria ten algo de psicodélica. Diría que son as obras máis explorativas dentro da exposición. E non teñen referentes previos en min. Falabamos antes de títulos. Un deles é Hawking, porque é coma un burato negro. O fondo é poroso, tecnicamente é unha peza de moito traballo, cun certo grao de aleatoriedade. É unha obra moi interesante, estraña, coma se estivese pintada de sempre, coma se nacese así, sen manipular.

-¿Axudan a apreciar estes matices iniciativas coma «Os martes, arte»?

-A idea é boa. Para sentir a arte en realidade non fai falta nada, ou sentes ou non. Pero é certo que coñecer de onde veñen as cousas axuda a que esa percepción sexa máis fina. Eu tento expresar o meu mundo, a miña aura. E o que si observo é que nestes tempos un tanto grises a xente agradece a cor acendida da pintura.

-¿E cando descolgue? ¿Algún proxecto en mente?

-Espero pintar tranquilamente. Reflexionar sobre unha retrospectiva, ampla, seria, de grande formato, en Vigo ou na Coruña. Non é que me urxa, pero andas na metade da vida e dáslle voltas. Retomar cousas pendentes. Algunha escultura, o mundo do collage... Tocar todos eses paus. O pintor necesita tamén xogar.