Estar aí

Camilo Franco

AROUSA

CEDIDA

19 oct 2014 . Actualizado a las 04:54 h.

Ao teatro afeizoado aínda non conseguimos encontrarlle un nome definitivo. Aficionado, afeizoado, amador, non profesional... Sucédelle como a eses movementos de fondo na sociedade que operan con intensidade pero non teñen nome. Sucédelle como ás cousas normais, que ninguén presta atención porque buscamos todo o tempo sucesos extraordinarios e potros de tres cabezas. O teatro amador non parece extraordinario no presente porque o extraordinario hoxe é cobrar polo traballo.

Podemos tomar o teatro amador con dúas varas de medir: como aquel teatro que é capaz de conseguir unha maior complicidade co espectador ou como unha organización que demostra que o traballo en común segue sendo un valor para facer colectivo. Son dous argumentos que, en realidade, conflúen noutro máis revelador: onde hai máis teatro afeizoado hai comunidades máis dispostas a traballar en común, a divertirse en común, a falar en común.

Habería máis argumentos para reivindicar un teatro aficionado. Cando a sociedade institucionalizada non atende, son as comunidades as que cobren as necesidades. Cando non había posibilidades de estudar teatro, cando a profesionalización era un horizonte moi, moi distante, o teatro amador serviu para achegar, formar e dar táboas a nomes que hoxe son profesionais recoñecidos e recoñecibles. Tamén serviu para formar intérpretes e directores que quizais non quixeron pasar ao profesionalismo.

O teatro sempre é un, con ou sen profesión polo medio. Hai xeitos de facelo. Un deles é co interese de estar aí, de poñerse nun escenario e contar unha historia. Unha parte do espírito dos amadores é imprescindible e ten que sobrevivir no teatro universitario ou no profesional. Ten que sobrevivir tamén nos espectadores. Esa parte que só está mediada polo interese de facer teatro.