O Rasu de Luengo inicia con bo pé a súa recomposición

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

O plantel feminino grovense é líder do seu grupo tras catro xornadas

14 oct 2014 . Actualizado a las 12:39 h.

Medio partido lle durou na noite do pasado sábado o BM Lalín ao plantel feminino do Rasoeiro na cuarta xornada da Primeira División Galega. Tras chegar 14-11 ao descanso, un arreón defensivo e sucesivos contragolpes das pupilas de Javier Luengo bastáronlle ao cadro meco para poñer terra de por medio co seu rival, e deixar sentenzado o choque en dez minutos (22-14).

Con este resultado o Rasu gaña en confianza no proceso de recomposición do vixente subcampión de Liga, cun plantel moi curto, con só once xogadoras con ficha logo de perder este verán a tres balonmanistas e estar a piques de engadir unha cuarta baixa de peso.

Cárol, a veterana central de 33 anos que hai un ano voltaba ao club para arroupar o xove plantel de Luengo logo de competir na División de Honra, vén de retirarse por unha grave lesión de xeonllo que sufríu no amigable contra a selección nacional de Costa Rica, xa coa tempada rematada despois de competir o Rasu na fase de ascenso á División de Honra B feminina.

A pivote Mar, por estudos, e a lateral Alicia, por traballo, tamén o tiveron que deixar, mentres que Andrea Pintos, que xogou os catro primeiros partidos de Liga, estaría a piques de abandoar o club para irse a estudar a Londres. Alba, porteira inda xuvenil, e Patricia Rodríguez, primeira liña pontevedresa fichada do Teucro, son os únicos reforzos de Luengo, que está a tentar convencer a ex xogadoras do Rasu retiradas de que volten botar unha man no equipo. Inda así, o obxectivo é de novo «acabar entre los tres primeros y jugar la fase de ascenso», di o técnico.

RASOEIRO FEMININO: Iglesias, Carla (8 goles), Andrea (7), Andrea Pintos, María Jesús (1), María Fresco, Patricia (2), Alicia, Uxía (6), Lorena (8), Alba e Otero

BM LALÍN: Ylenia, Belén (1 gol), Raquel (3), Alejandra (2), Roxana (1), Tamara, Cristina (2), Marta (2), Belén (3), Antía, Míriam (4) e Belén Silva

Marcador cada cinco minutos: 4-3, 6-5, 8-6, 9-7, 11-8, 14-11 (descanso); 16-12, 22-14, 26-15, 27-16, 29-17 e 32-18 (resultado final).

Árbitros e exclusións: Abel Juncal e Óscar Fernández. Castigaron con 2 minutos a xogadora local María Jesús (2), e as visitantes Belén (2) e Belén Silva.

Derrota dos de Quito Parada

Pola súa parte, o plantel sénior masculino do Rasoeiro perdía, tamén o sábado no Monte da Vila, 25-32 ante o potente Porriño na Primeira División Galega, lastrados os de Quito Parada polas moitas ausencias laborais a causa da Festa do Marisco.

RASOEIRO MASCULINO: Solla, David (1 gol), Rodrigo, Ignacio (3), Aarón, Bruno (8), Besada, Sergio (5), Borja (5), Escalante, Caneda, Iglesias, Alexandre e Gondar (3)

PORRIÑO: Adrián, Amador (1 gol), Samuel (5), Hugo (2), Jónathan (5), Polo (2), Juan (2), Alonso (6), Pablo, Jorge (1), Miguel, Álvarez (3), Samuel P. (3), Seijo (1) e Iván (1)

Marcador ao descanso: 12-17.

Árbitros e exclusións: Abel Juncal López e Manuel Covas Estévez. Castigaron con 2 minutos fóra de cancha os xogadores grovenses Ignacio e Bruno, e os porriñeses Samuel, Jónathan, Polo e Iván.