O Portomar visita o Arxil na procura do pase á final a catro da Copa Galicia

Vilagarcía / La Voz

FIRMAS

As de Rubén Domínguez chegan reforzadas tras o bo partido co Universitario de Ferrol

02 oct 2014 . Actualizado a las 04:52 h.

Segundo e derradeiro partido da fase de grupos da Copa Galicia para o Portomar Cortegada. Esta noite, a partir das 20.30 horas na cancha dun futuro rival de Liga Feminina 2, o CB Arxil. En xogo, o segundo posto para a final a catro do primeiro torneo oficial da tempada 2014/15, toda vez que a lóxica fai pensar nunha derrota do cadro do Lérez esta fin de semana, no duelo a domicilio co Universitario de Ferrol de LF co que se pechará a fase preliminar.

O nome do conxunto coruñés sae a colación na análise previa do partido de hoxe polo adestrador do Portomar Cortegada. Rubén Domínguez cualificaba onte de «positiva» a actuación do seu equipo fronte ao Universitario de Ferrol o pasado sábado, nunha lectura que vai moito máis aló dun resultado final que induce a engano.

E é que a derrota por 53-70 do Portomar chega tras «haser sido competitivos ante un rival de un buen nivel -e de superior categoría-, que hace un año nos ganó en la Copa y en la Liga por diferencias muy grandes», lembraba onte Domínguez.

Nesta ocasión, pola contra, «hicimos muchas cosas bien. No le perdimos la cara al partido. Cuando se fueron de 10-12 puntos, volvimos a acercarnos a 3-4» ata un derradeiro cuarto no que o cansazo local e o maior potencial visitante remataron de marcar a diferenza final.

Respecto ao encontro de hoxe, o Portomar atoparáse a un Arxil que se ben presentará un bo número de xogadoras da tempada pasada, aparece de partida coma un rival inda máis consistente logo de reforzar a conciencia o seu punto feble, o xogo interior. A falta de ver o rendemento das súas novidades, o cadro pontevedrés fíxose cos servizos de Ana Román, unha 4-5 viguesa de 31 anos que chega do Ibaizábal de LF, Maimouna Diarrá, pívot senegalesa de 23 anos e 196 centímetros recén traída do seu país natal, e Fallon Lewis, 3-4 de 193 centímetros procedente do equipo da Universidade de Wyoming con promedios de 14,3 puntos e de 9,8 rebotes.