A metapintura segundo Chaves

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Chaves amosa na Rivas Briones a evolución do seu traballo ao longo dos últimos oito anos.
Chaves amosa na Rivas Briones a evolución do seu traballo ao longo dos últimos oito anos. adrián baúlde< / span>

O creador de Vilaxoán reivindica a Rivas Briones cunha poderosa mostra

02 oct 2014 . Actualizado a las 04:53 h.

Non hai moito tempo, o futuro da mellor e meirande sala pública de exposicións de Vilagarcía semellaba turbulento. Por fortuna, aquela ameaza de caer fagocitada polas esixencias en materia de lebensraum da biblioteca municipal, ten trazas de ser conxurada definitivamente. Por se as moscas, que todo o sobrevoan, a exposición que mañá abre as súas portas na Antón Rivas Briones, a iso das oito e media da tarde, demostra con feitos incontestables a necesidade de contar a capital arousá cun espazo á altura das circunstancias, capaz non só de dar acubillo, senón de extraer tamén toda a potencialidade da arte plástica cando esta se presenta con maiúsculas. Velaí o caso de Pintura s/ pintura, a terceira mostra individual que Xaquín Chaves propón dende que a sala iniciou a súa andaina, aló co cambio de século e milenio.

A primeira sensación que suscita esta pintura sobre pintura, nada máis franquear as portas da Rivas Briones, é de potencia. Grandes formatos nos que as reflexións cromáticas do creador nado en Vilaxoán desenvolven toda a súa capacidade de sedución. A propia concelleira de Cultura, Rocío Llovo, condensou onte esta impresión inicial nunha sentencia: «El impacto es el de una obra inmensa, grande en todos los sentidos». Recolleu Chaves a invitación á palabra para recoñecer o reto, a honra, que para un artista que se identifica co seu lugar e a súa xente encerra amosar a evolución do seu traballo ao longo dos sete ou oito últimos anos «nunha sala digna, ampla, seria», nunha sala que naceu froito do pulo coral dunha xeración enteira de creadores, da que el mesmo forma parte, como tamén subliñou a mesma Llovo.

Explica o pintor que, agás certas referencias de querenza paisaxista, practicamente inevitables en alguén que cando todo comezaba adestrou os seus pinceis no retrato da rica natureza arousá, esta é unha mostra de «pintura que fala de pintura». Exactamente o que expresa o seu título. Pintura que, de certa maneira, «procura facer visible, sacar á superficie, as intuicións, as paixóns que están na cabeza» do seu artífice. Pintura de técnica mixta, na que prima a materia coa que está feita a mesma cor, as tintas, os pigmentos naturais, que dalgún xeito reflicte tamén o pracer da volta á casa.

Pintura suave, tamén, no segundo andar, de formato medio, unha sorte de «síntese de preocupación espacial», algunha serie, óleos sobre papel e unha lembranza en forma de collage a Peter Schenk, soñador e amigo, impulsor dunha viaxe de ida e volta en clave plástica entre os Países Baixos e Arousa. Moito, en fin, do que poder gozar entre mañá mesmo e o 14 de novembro. A obra, o autor e a sala ben o merecen.

«pintura s/pintura» en vilagarcía

A exposición, terceira individual de Chaves na sala, abre as súas portas mañá, ás 20.30