O CB nomeará mañá os irmáns Paz socios de honra na súa presentación anual

Vilagarcía / La Voz

FIRMAS

02 oct 2014 . Actualizado a las 04:58 h.

O Club Baloncesto Vilagarcía celebrará mañá venres, a partir das 21.15 horas no Salón García da capital arousá, a presentación dos 19 equipos e da escola cos que traballará e sairá a competir nesta nova tempada deportiva 2014/15. Unha estrutura que integra a 207 rapaces, novo teito da entidade, desde categoría benxamín ata cadete, e que confirma o crecemento CB como unha experiencia sen precedentes no baloncesto autonómico galego polo volume do incremento rexistrado desde que a entidade retomase o traballo de base no ano 2011.

Ademais dos xogadores, o acto de presentación servirá para poñer nome e cara ao amplo corpo técnico do Club Baloncesto Vilagarcía. Incluídos os tres técnicos estranxeiros que dirixirán a segunda edición do Basketball in English, na que os nenos aprenden e evolucionan no deporte da canastra con clases en inglés. Edgars Kuks, Victor Holmberg e Edgars Jauzmens son os monitores deste programa opcional para os nenos dos diferentes equipos que manexa o club.

Durante o acto de presentación o CB nomeará socios de honra a Antón e a Carlos Paz, os dous irmáns vilagarciáns que co seu décimo posto no último Mundial de Clases Olímpicas de Santander veñen de conseguir praza para España no programa de 49er dos Xogos Olímpicos de Río 2016. O primeiro foi xogador do club 3 tempadas e o patrón 14.

Co aforo do Salón García xa completo vía invitacións, a gala será un espectáculo visual e musical no que, adianta o club, haberá sorpresas. Como a nova imaxe e eslogan do CB.