«A música galega é rica, ten denominación de orixe»

Enrique Huetos VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A vocalista galega pon o punto final aos Xoves de Códax cun concerto no que haberá mestizaxe de músicas

28 ago 2014 . Actualizado a las 06:42 h.

Máis de 25 anos de carreira fan dela unha das cantantes máis recoñecidas da música galega. Uxía ofrece esta noite un concerto en Cambados no que tocará os seus temas fundamentais.

-Na túa música mestúrase unha compoñente tradicional cun tratamento innovador, ¿por que fai esa fusión?

-En primeiro lugar, penso que da miña música interesa a melodía e a letra. E trato de darlle unha personalidade propia, ao máximo. Pero tamén están as cadencias. Ademais teño influencias de música brasileira e de Portugal, que é unha mestura bonita. A música que escoito tamén me inflúe. O que quero remarcar é o protagonismo da voz como instrumento.

-¿As súas cancións son un reflexo da voz do pobo?

-Iso sería demasiado dicir. Eu son unha máis. Eu empápome da identidade do meu pobo, da súa música, da súa lingua, e eu contribúo a todo iso na medida que podo facelo. Canto as miñas vivencias e intento que a miña música sexa atractiva. Falo dende o meu punto de vista, pero se alguén se identifica comigo é bo, é importante.

-¿Como foron os seus inicios?

-Empecei en solitario. Logo estiven cun grupo co que aprendín conceptos da música folk. E a partir dese momento decidín seguir o meu camiño soa, porque tiña cousas que dicir.

-¿De onde sae a súa paixón pola música?

-O meu pai foi músico, e no meu entorno familiar a música sempre estivo presente. Unha maneira de aprender é escoitando, e eu escoito moita música. Ademais, gústame experimentar, e por exemplo encántame mesturar música de Portugal, de Brasil, música africana. Como tamén son directora do Festival da Lusofonía, puiden aprender moito da música desas latitudes.

-¿Como ve a música galega na actualidade?

-Nestes momentos é rica, diversa, e ten denominación de orixe. Incluso algúns críticos opinan que é do máis interesante. A nosa música ten moito que dicir e está a ser recoñecida en moitas partes de Europa, Brasil, e noutros lugares da Península Ibérica. Malia todo, aínda podería reforzarse máis. Gústame moito viaxar, e é unha sorte que iso forme parte do meu oficio.

-É o seu terceiro ano participando nos Xoves de Códax. ¿Que nos vai ofrecer desta volta?

-Sempre trato de facer algo diferente. Invitei a unha das voces máis sobrecolledoras, a de António Zambujo, un músico portugués que nestes momentos está a preparar o seu sexto disco. Ademais teño un convidado sorpresa, Xosé Manuel Budiño, que se incorporou a última hora. E Sérgio Tannus. É unha marabilla mesturar viño e máis música. Antonio, que ven dunha rexión de Portugal con bos viños, vaise sentir coma na casa.

-O seu último disco saíu no 2011. ¿Está traballando nalgo novo?

-Ademais do disco Canto á terra, fixen un albume con poemas de Rosalía de Castro, entre outras cousas. Ademais estou preparando un novo disco, que está en pleno proceso e do que non se pode dicir nada aínda, agás que segue a estela dos anteriores, de música propia que explora territorios da lusofonía.

-Tras trinta anos de carreira, ¿como percibe os cambios na música?

-Estamos nun momento diferente e esplendoroso no que á música galega se refire. É un bo momento para reflexionar. Cambian os formatos, pero a música en directo é un momento único. Hai que buscar novas formas de chegar á xente.

uxía cantante