Heredeiros da Crus á fronte da gran aventura do son galaico

S. GONZÁLEZ< / span>

AROUSA

MARCOS CREO

22 ago 2014 . Actualizado a las 14:19 h.

| «Que se poida montar un festival coa potencia artística da xente de aquí é un orgullo. Unha especie de peregrinaxe, un festival grandioso porque están Heredeiros, Diplomáticos, Ulträqäns, Rastreros, grupos emerxentes coma Nao ou a marabilla de Sés, convertida en artista de maiorías co argumento de boca a oído; non somos periferia, somos centro, e esa é a cuestión do bravú. As Revenidas teñen esa dimensión de chamada tribal da galeguía, o pulso do país que vai estar aí, en clave acolledora, para toda a xente que queira vir, dende Alaska a Capetón». Para que darlle máis voltas, se Xurxo Souto acaba de poñelo en palabras. Dende o seu nacemento, hai once anos, como recuperación da vella sardiñada que as salazóns de Vilaxoán ofrecían aos seus traballadores, As Revenidas foron medrando enriba do que un día foi o mar, un parque á beira da ría de Arousa creado sobre o recheo da súa antiga fachada marítima. Aquela festa popular que organizaba a asociación cultural Repichoca foi collendo peso profesional ata desembocar nesta edición cento por cento galega, a grande celebración do vixésimo aniversario bravú. Que se saiba, un dos poucos festivais da súa caste que mesmo ten viño oficial de seu: Marieta, de Martín Códax. Calidade galaica ata debaixo da última alfombra.

Polos dous escenarios de Vilaxoán vai desfilar moita da xente que papou aquel cocido fundacional de Chantada. Arredor de vinte actuacións nas que os pioneiros compartirán, dende hoxe e durante toda a fin de semana, lea cos grupos da segunda xeración, esa que merendaba con aquel big bang que o Xabarín Club fixo estoupar cando aínda era o que era. Á fronte de todos eles, os Heredeiros da Crus, a banda de rock galego que máis lonxe chegou, os máis jrandes que, aínda formando parte do Castañazo do 94, nunca se sentiron parte integrante do movemento. Para ben ou para mal, se non queres caldo, aí van sete cuncas, así que os do Barbanza sempre tiveron pendurada a etiqueta bravú coa que esta noite, non cabe outro remedio, acabarán reconciliados.

Pero As Revenidas van moito máis aló da música. A celebración segue a orbitar encol da grande sardiñada popular que chega mañá. Vestida, dende o primeiro momento, dun amplo programa de actividades de balde que procuran implicar ao pobo de Vilaxoán e a todos os seus visitantes na mesma vibración. Hoxe á tarde, intervención plástica do colectivo Desordes Revenidas nunha das fachadas da praza de abastos de Vilaxoán. Alí mesmo, presentación do libro Non temos medo, a historia dos Diplomáticos de man de Rodri Suárez. Pinto D?Herbón falará de regueifa e pementos para argallar, de seguido, sen saíren do mercado, un concerto acústico con Xurxo Souto. Mañá, música de rúa cos Terribles de Arousa, Taquicardia e Trío Bombo e Tambor, a maxia de Dani García co seu espectáculo Don Gelati e a gala do circo solidario co pobo saharauí. O domingo, o mellor pallaso galego do momento, Peter Punk, e os concertos da xornada, desta volta gratuítos e cos arousáns Borderline 79 poñendo o feche. E dende o primeiro día, a Feira Revenida, aberta a trinta artesáns, deseñadores, creativos, colectivos culturais, ilustradores, xoieiros, editores, libreiros e, en fin, unha longa aposta polo comercio de proximidade.