Sanidade pública


Aínda que estes debates adoitan abordarse dende a trincheira, parece lóxico supor que cando unha formación política asume a xestión pública faino coa idea de mellorar o funcionamento do sistema, non de afundilo. Sucede que, cando é a sanidade a que está en xogo, os problemas multiplícanse de tal xeito que quen cuspe cara arriba recibe sempre nun ollo a dura resposta da lei da gravidade. O Hospital do Salnés comezou mal. Tivo que ser unha iniciativa lexislativa popular a que forzase ao Goberno Fraga a crear a área sanitaria. Aquel proceso custoulle a carreira a Juan Antonio Garrido, entón deputado no Parlamento de Galicia polo PP. Nefasto precedente. Cando ao cabo se construíu, o centro era xa cativo para as necesidades dos arousáns. O relevo bipartito ergueu as expectativas tan alto que non foi quen de cumprilas. Tampouco os actuais responsables, outra volta conservadores, que as levaron aínda máis arriba no seu labor de oposición e agora súan para aquelar orzamentos. O tema é abondo importante como para mandar a trincheira a paseo e buscar unha saída común para o noso atribulado sanatorio. Xa sabemos que o que conta é ter saúde. Falta consolidar que sexa pública e de calidade.

Votación
1 votos
Etiquetas
PP Parlamento de Galicia Comarca do Salnés Hospital do Salnés