Detalle dos gravados da Pedra do Encanto recollidos por Gil y Casal en 1916. A rocha foi mutilada coa construción da estrada entre Bamio e Catoira

Os petróglifos de Vilagarcía en perigo

Conxuntos como os de O Meadelo e Os Ballotes foron dos primeiros en ser estudados en Galicia. Hoxe parte deles están destruídos e rodeados por máis lixo ca información


En Vilagarcía toda a xente mira estes días para o cume do Xiabre. Deben andar a mirar se entra en erupción por moitas cuestións: os incendios, a auga, os aeroxeneradores, as canteiras, os viais.... Todo un conxunto de intereses semellan darse cita na cima. E agora por riba, aparece un importante conxunto de petróglifos.

Un petróglifo é calquera tipo de gravado feito na rocha. Non ten por que ser prehistórico. Coñecemos, por exemplo, marcas de termo que delimitaban as parroquias, ou gravados asociados a xacementos medievais como a fortaleza de Lobeira, que representan taboleiros de xogo do tipo pai, fillo, nai ou tres en raia.

Pero dentro dos diversos tipos de gravados na rocha que podemos atopar, ademais hai gravados prehistóricos, que non son manifestacións illadas e sen coherencia entre elas, senón que no caso de Galicia conforman un extraordinario conxunto denominado grupo galaico de arte rupestre dentro do contexto das manifestacións da arte rupestre atlántica comúns a outros países como Irlanda, Reino Unido, etc... Estes gravados son testemuña das poboacións que habitaron, neste caso, o entorno da ría de Arousa por volta duns cinco a uns catro mil anos.

A investigación sobre a arte rupestre conta cunha tradición longa en Galicia e algunhas das estacións de Vilagarcía figuran entre as primeiras atopadas e documentadas. Este é o caso do conxunto de petróglifos de O Meadelo e Os Ballotes (O Salgueiral, San Xinés de Bamio), visitados a principios de século por investigadores ilustres como o alemán Hugo Obermaier ou citados polo pontevedrés Celso García de la Riega. A pedra coñecida como Laxe do Meadelo ou A Pedra do Encanto, foi descuberta polo artista Enrique Campo Sobrino, a quen debemos o primeiro debuxo que dela temos, presentado na Exposición de Santiago de Compostela de 1909.

Eruditos locais como o vilagarcián correspondente da Real Academia Galega Juan Fernández Gil y Casal, fixeron e publicaron os primeiros estudos defendendo daquela que eran a proba de presenza grega nas costas galegas (1916).

Un novo pulo vaino constituír a presenza dunha das figuras máis importantes da arqueoloxía e etnografía galega como foi Fermín Bouza Brey, que publica o primeiro estudo sistemático deste conxunto no ano 1927 e dá a coñecer o petróglifo de Meán (Bouza da Torre). Os seus traballos van recoller tamén toda a rica tradición oral asociada a estes conxuntos. Lendas de mouros, de serpes e de tesouros míticos que se contaban como aquela que dicía «do Monte Lobeira, á Pedra do Encanto, hai unha mina de sete reinados; sete de ouro, sete de prata, sete de veleno que mata».

Xa nos anos 60, foran visitados tamén polo investigador italiano Emmanuel Annati fundador e director do Centro Camuno de Estudos Prehistóricos. A pronta publicación e documentación destes petróglifos permite comprobar o forte deterioro que sufriron nestes últimos cen anos da súa longa existencia. Significativo é o caso da Pedra do Encanto que foi mutilada ao construír a estrada a Catoira.

En 1927, hai 80 anos, Fermín Bouza Brey Trillo escribira de Vilagarcía: «Una localidad que ofrece un notable conjunto de figuras de variada especie y cuyo estudio hácese necesario, por estar amenazada de una próxima destrucción a causa del punible abandono en que se dejan todos estos monumentos. El principal elemento destructor lo constituyen los canteros, que arrancando piedras para construcciones vecinas, las han atacado en varias ocasiones. Actualmente están en explotación varias lajas del agrupamiento de los Ballotes a pocos centímetros de las insculturas. Esperamos de las autoridades locales y especialmente del alcalde-presidente del Ayuntamiento de Vilagarcía, nuestro amigo D. Enrique Lafuente, cuyo celo por la cultura es grande, la adopción de medidas que eviten tal atentado...».

Hai un par de semanas parei no Salgueiral. A Pedra do Encanto segue partida e solitaria a carón da antiga estrada a Catoira. O conxunto central dos Ballotes segue pechado nun recinto con cancela que máis que protexelo, contribúe a destruílo. Outros xa non os puiden ver ou ben porque tiñan un can atado encima, ou o pau central dun tendal da roupa. Semella que os gravados dispersos doutro lado da estrada, quedaron para sempre destruídos na construción duns novos chales. Polo demais, bastante lixo e pouca información

Votación
0 votos
Etiquetas
Terrorismo Irlanda Reino Unido Santiago ciudad Comarca de Bergantiños RAG Ría de Arousa Comarca do Salnés Incendios en Galicia Vilagarcía de Arousa Comarca de Santiago Rías gallegas Laxe Catoira Comarca de Caldas Monte Lobeira Monte Xiabre