A Illa pon en marcha de novo o servizo de información á muller, que funcionará os venres

La Voz LA VOZ | VILAGARCÍA

AROUSA

12 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? concelleira de Servizos Sociais da Illa, Fátima Rivas, acaba de firmar un convenio co Servizo Galego de Igualdade para poñer novamente a funcionar o punto de información á muller. Así, a partir desta mesma mañá, e cada venres entre as 10 e as 12 da mañá, estará na casa consistorial unha avogada que prestará información a todas as mulleres que o precisen. É a terceira ocasión que o Concello da Illa pon en marcha este servizo. O ano pasado Vicepresidencia firmara un convenio para que o centro de información á muller de Cambados prestase tamén atención á Illa algúns días á semana. Pero dadas as diferenzas que existen agora entre o departamento autonómico e o Concello cambadés, A Illa decidiu non agardar máis para retomar este servizo e púxose en contacto con Vicepresidencia para pedir que se solucionase o problema. Finalmente, o departamento da Xunta decidiu poñer a disposición do Concello da Illa unha avogada que prestará información ás mulleres. Deste xeito, Fátima Rivas anima a todas as mulleres que queiran resolver calquera tipo de dúbida a que se dirixan a este servizo que estará en funcionamento durante todo este ano.