«Xove sempre me recorda quen son»

Y. GARCÍA XOVE / LA VOZ

XOVE

Santi M. Amil

Roberto Vilar dá hoxe o pregón da Festa das Flores na vila que o viu nacer e pasar a pubertade

29 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Roberto Vilar, Tonecho, bota un pequeno laio telefónico na conversa cando lle falo de Xove e pregunto canto visita a súa vila natal: «Nada, non vou nada, vou moi pouquiño. E cando vou é sobre todo pola filla, de 5 anos. Aí pásao bomba, ve vacas, coellos e praia... Faille moi ben aldea».

-Ese sentir galego de «sonche da aldea» teno moi fondo, logo.

-É a esencia. Penso que o que somos de pequenos é verdade e que o que somos de adultos é todo mentira. En Xove vivín ata os 15 anos. Agora é todo máis artificioso, sobre todo cando está asociado aos exteriores. Para min, a felicidade está no exterior e a tristeza no interior, salvo que traballes no Gran Sol, claro.

-¿Que esencia lle devolve Xove?

-Xove recórdame de onde veño e quen son.

-No último Land Rober Tunai Show foi o «Pequeno Nicolás»... ¿Mellor que cos Gemeliers?

-Ben. Ao día seguinte levantouse e foi á misa, á catedral. Díxome: «Vou para a misa». «Vaite que eu xa irei o domingo», díxenlle. Despois collía o avión.

-¿Como se sinteu el ao voltar a Galicia, lembrando que todo o lío aquel se destapou en Ribadeo?

-Se fose a Ribadeo, igual non sería para el. No programa pasouno moi ben, levámolo a comer e pideu permiso para mollar o pan no aceite do polbo. Eu nunca vira facer tal en Galicia. «Arríscate, se queres», lle dixen. No Land Rober entrou nun tanque da Segunda Guerra Mundial cual xefe do CNI. A verdade, nin sei onde conseguimos o tanque.

-E a Carmen Lomana fixéronlle botar as patacas...

-Subímola a un chimpín, botou as patacas e botou esterco. Levamos unha temporada boa en canto a convidados ao programa.

-¿Que é o Land Rober?

-Tomámolo como un divertimento, como cando no cole imos ao recreo. No Land Rober facemos o que queremos.

-E algunha vez haberá xovenses entre o público, ¿non?

-Si. Miña nai xa veu varias veces. Sempre, dentro do que se pode, porque temos tanta xente en lista de espera... ¡8.000 persoas! Non é fácil recoñecer a xente entre o público; a veces, non recoñezo nin ao propio invitado...

-No pregón, ¿que vai dicir?

-Intentarei lembrar cousas que me pasaron en Xove, de cando era pequeno e ía ao colexio. Intentarei facer un recordatorio ata o ano en que marchei a Santiago. A Festa das Flores existía xa antes, deixouse de facer e recuperárona. O meu pregón vai sobre a memoria dun neno labrego. Meus pais si se acordan da festa e faláronme dela.

-E ao San Bartolo, ¿soe ir?

-Falto sempre ao San Bartolo, por iso nunca podo ir dar o pegón. Sempre estou fóra, pois a segunda quincena de agosto vou de vacacións, así que coincide que tampouco podo ir ao Naseiro. Quería aproveitar e dar as grazas á Asociación de Comerciantes por acordarse de min, por certo.