Chegou o momento!

BERNARDO FRAGA, PORTAVOZ DO BNG EN VIVEIRO

VIVEIRO

26 ene 2016 . Actualizado a las 13:28 h.

Este foi o lema do Partido Popular no ano 2009, «Chegou o momento». Con ese lema eliminaron do goberno ao bipartito PSOE-BNG, a pesar de que a suma de ambos os dous tiña máis votos.  O momento do PP era o da parálise institucional, era o momento de converter a Xunta de Galicia nunha sucursal do goberno do Estado, con máis recortes, máis paro, máis débeda pública, menos cultura galega, menos servizos públicos e en definitiva menos país.

  Agora chegou outro momento, un momento clave para Galicia. Un momento que require por parte de todas e todos altura de miras, deixar atrás rifas parcelarias e debates sobre os lindes da finca.

Toca reflexionar, falar, dialogar e debater ata chegar a un acordo para mancomunar. É o momento de camiñar da man,  apartando o que nos separa e poñendo a máxima atención no que nos une. Somos moitos homes e mulleres da nova xeración do nacionalismo galego os que queremos traballar sen que ninguén nos marque os lindes, sen escoitar leccións de supergaleguidade día si e día tamén. Queremos traballar con liberdade, con todo o dereito dunha nova xeración para levar o país cara a onde entre todas e todos sexamos capaces. Estamos dispostos a soltar amarras e navegar por nós mesmos, coa forza do noso traballo diario e coa ilusión de transformar o noso país.

   Só pedimos á flota envellecida que se decate que os barcos de ferro son mellores, máis seguros e eficaces que os de madeira, que chegou o momento de renovar a flota na busca de novos caladoiros. Por moito cariño que lle teñamos ao vello barco tócanos a nós modernizalo, dar un paso adiante, transformalo  e navegar con el nos mares que están por vir.

  Queremos traballar en mancomunidade cos que pensan coma nós, cos que teñen como prioridade sumar forzas na esquerda e no nacionalismo para xuntos conformar a maioría social que o pobo galego precisa e merece para se gobernar.

Chegou o noso momento e por nada do mundo imos deixalo pasar.