«Traballando o horto urbano en Viveiro báixase de peso»

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

Redistribúen as 31 parcelas da finca urbana porque uns vanse a outras máis grandes e entran os da lista de espera

24 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Lourdes Rodríguez estreouse como presidenta de Espazo Crea recentemente, o colectivo que coordina agora o horto urbano de Viveiro. Toca redistribuir parcelas porque houbo xente «que lle colleu o gustillo», explica ela, e marchou a outras parcelas máis grandes, para seguir cultivando. Diso e máis falouse na última reunión do colectivo viveirense.

-¿Como foi esa xuntanza?

-Serviu sobre todo para xente que está na lista de agarda, redistribuíndo as parcelas, e por outro lado para falar das últimas novidades, que é o que me parece a máis interesante e para nós a máis gravosa. Este ano temos que facer fronte a pagos de alugueiro. O ano pasado nos cederan a finca altruistamente e é certo que a limpamos pois estaba impracticable, chea de lixo, ata se reconstruiron algúns muros e, a cambio deses traballos, non se nos cobrou. Pero este ano haberá que aboar, de cada seis meses, 600 euros aproximadamente. Iso había que comunicalo á xente, a pesar de que xa lles informáramos cando firmáramos o contrato. Ao non haber outra opción, e tamén porque a xente está moi contenta, ao repartir esa cifra entre 31 parcelas é case un pago simbólico. Tamén se falou de que cando mellore o tempo imos empezar a plantar. Crea coordina pero Marcos Besada segue a ser o noso asesor técnico.

-Téñenme comentado que ata houbo a quen lle baixou o azucre ou deixou de fumar dende que empezou no orto urbano.

-Houbo xente que baixou de peso. É unha actividade saudable, sobre todo a nivel personal, pero tamén a nivel social e relacional. Dalgunha maneira se tratou de implementar prácticas que dentro da colectividade sexan respetuosas, como compartir e colaborar. Estamos vivindo épocas moi individualistas, de pensar que o que é meu é meu, pero aquí se levou a cabo unha labor social e educacional, no sentido de respecto polo medio ambiente, dun cultivo saudable e ecolóxico e o reparto de tarefas, porque todos compartimos un espazo, de respecto ao veciño de parcela e implicación nos traballos. Tamén está o tema da socialización entre os nenos. Ademáis de producir, estamos ensinando no respecto ao entorno, boas prácticas agrícolas e transformación de residuos xa que a maior parte dos composteiros os fixemos nós. É unha realidade constatanda.

-Falla que se potencie máis ese tipo de actividades, ¿non?

-É unha pena. Paréceme que as políticas en xeral están enfocadas a determinados sectores produtivos cando o básico, o campo, o monte, non se mima nin se potencia. Ademáis, a xente nova podería alcanzar uns niveis de vida interesantísimos. No horto urbano de Viveiro temos xente de todas as idades, pero a media pode estar entre os 35 e 45.

lourdes rodríguez presidenta de espazo crea de viveiro