«Animamos a saír, tapear e cantar»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

foto miguel

Ao Ribadeo de Tapeo súmanse hoxe á noitiña os cantos de taberna, maridaxe ideal

27 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cincuenta bares, mesóns e restaurantes de Ribadeo dan vida á undécima edición de Ribadeo de Tapeo, con outras tantas propostas de tapas, todas ricas ricas e merecedoras de ser degustadas. A cita conta de novo coa organización do Concello de Ribadeo, que este ano apostou por introducir novidades como a cita de cantos de tabernas que hoxe dará vida aos locais da hostalería.

-¿Andivo tapeando xa?

-¡Pois claro! Non as probei todas, aínda quedan. Mañá [por hoxe] cos cantos de taberna supoño que haberá bastante afluencia igual que no resto da fin de semana, co cal aínda quedan 3 días de Ribadeo de tapeo, ata o domingo.

-¡Pois o xurado si que é o que ten que probar todas as 50!

-O xurado si, anda así de lixeiro. Dinnos: ?¿Sabes que pasa? Probámolas... o que non facemos é beber en todos os sitios?.

-¿Quen forma o xurado?

-Xente da Escola da Hostalería de Foz, de Tapia... e na fin de semana virá algunha persoa máis para a selección das dez primeiras tapas e dar outra opinión a maiores. Por un lado hai xente próxima formada no ámbito da hostalería e no tema gastronómico e tamén hai xente de fóra. A idea é que sexa independente e haxa diversidade de opinións.

-¿Como ve o nivel das tapas?

-Cada establecemento aporta o seu mellor saber facer e algúns buscan o diferente e aportar novas ideas. Ao mellor, hai que empezar a pensar en reinventar o tapeo porque Ribadeo foi dos primeiros que o fixo en Galicia xunto con Santiago. Por iso dende Ribadeo apostamos cos cantos de taberna, por apoiar o que significa tapear, para que a xente se xunte e fale, non sexa só algo gastronómico, tamén amizade...

Hoxe en día as persoas estamos máis comunicadas e conectadas nas redes pero a nivel persoal parece a veces que estamos máis desconectados. En Ribadeo animamos a saír, tapear e cantar...

-O malo, se hai algo malo, é que mentres cantas non tapeas...

-Entre canto e canto tamén se tapea e os locais convidan aos que participan nos cantos.

-¿Que tradición había en Ribadeo?

-Máis que de cantos de taberna en si, que é a descrición que se lle deu, había a tradición de xuntarse e cantar polos locais. Eu teño 45 anos pero os que teñen ao redor de 50 tamén os recordan. Non é ningún invento. Despois a costume foise perdendo pero eu lémbrome da época de cantar de meu pai. Facíase no Venecia que hoxe xa non existe, ou A Cosechera, entre outros.

-¿Cantos se anotaron?

-Unhas 60 persoas que xa están ensaiando. Onte tivemos reunión con eles, para ver como vai ser a ruta, pois dos 50 faise en 33 locais. A cuestión é organizar para que pasen por todos. Vin á xente moi ilusionada. Son de diversas idades... moi ben. Pedímoslles que no repertorio houbera cancións tradicionais e algunha das vinculadas a Ribadeo, como habaneras... que buscan esa raíz. Hai unhas bases establecidas.

-Se un quere cantar algo máis moderno, ¿non pode logo?

-(Ri) Libre si, pero con moderación. Home, rap non, jajaja.

-Ribadeo de Tapeo cumpre 11 anos e a verdade é que son unhas xornadas ás que, con medio cento de locais, hai que sacarlles o sombreiro.

-Foron das primeiras. Agora faise o tapeo en case todos os sitios pero hai 11 anos era algo novidoso probar a cociña en miniatura e comer tapas, xerar ambiente...

-Ata animou a quen non ía máis aló da tortilla a degustar algas, por falar de receitas máis raras.

-Hai xente que arrisca por sabores novos e aposta con combinacións novas, co cal se permite a moitos degustar cousas novas. Aí está tamén a profesionalidade do xurado que o valora todo, presentación, sabor, cocción, bastante ampla. E a veces ese xurado non coinciden co público, que tamén vai a elixir a súa tapa.