«Ribadeo no mundo», si señor

E. M. RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

FaRi Elfarero

«Este concello non quere ser mellor que os demáis, tampouco menos», di Suárez

26 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Fernando Suárez está moi satisfeito, naturalmente, dos resultados acadados: 10 concelleiros, maioría absoluta en Ribadeo. Ata eles desconfiaban de poder alcanzar estes edís neses días anteriores nos que entran as dúbidas sempre.

O seu «Ribadeo no mundo» deu froitos, exactamente dez froitos, dez concelleiros, si señor, que diría Fole.

«Seguiremos traballando por Ribadeo, para seguir transformando para ben tanto na vila como nas parroquias, para mellorar a participación cidadá, para seguir traballando como o viñemos facendo en medio ambiente, na cultura, na igualdade, no benestar, para que Ribadeo siga brillando con luz propia no mundo do turismo e para que, sobretodo, a xente, os homes e mulleres de Ribadeo se sintan dignos de vivir nun concello que non quere ser mellor que os demáis, pero tampouco queremos ser menos que os demáis», dicía onte.

«Ribadeo no mundo», outravolta, o gran lema, grande eslogan, acertadísimo. Quen non quere situar ao seu concello, á súa vila, no mundo. E situouno, si señor, vaia que non. Todos imaxinamos o póster das Catedrais, as grandes colas no verán, as recomendacións das mellores axencias de viaxes, as calificacións nas redes: a mellor praia de España, entre as mellores de Europa, no top-ten das mellores praias do mundo. Iso é poñer a «Ribadeo no mundo» e saber escoller tamén o eslogan. Si señor.

«Estamos moi orgullosos da voz do pobo, dos homes e mulleres de Ribadeo que coas súas 2.887 papeletas da nosa lista e que supoñen máis do 53% de todos os votos, nos dan unha forza e un ánimo tremendo; agora, si cadra, con máis responsabilidade», sinalaba onte un Suárez satisfeito, coa resaca do éxito acadado. Esa serenidade doce que dá o día despois dun gañar con claridade.

«Isto é tamén un toque de atención a estas Administracións que se dedicaron a poñernos paus nas rodas e ao final esas rodas romperon todos os paus», aseguraba.

Onte tiña tamén unhas palabras de agradecemento para os concelleiros/as do BNG que deixan a corporación: «Quero valorarlles a todos os compañeiros/as a súa labor, especialmente aos que pola súa decisión propia non quixeron ir na lista en postos de saída, como é o caso de Horacio Cupeiro, Teresa González e Xavier Campos. E quero saudar tamén aos novos compañeiros do equipo de goberno que entrarán coma concelleiros, así como ao resto de representantes das demáis formacións políticas que resultaron elixidos polos veciños; de seguro que esta será unha corporación moi renovada. Nós, pola nosa banda, imos seguir traballando arreo para non defraudar o enorme apoio recibido».

Comenta despois Suárez, así pola boca pequena, que os últimos días non tiñan a maioría tan clara, de aí a sorpresa e a maior satisfacción. Subíase en Ribadeo a 17 concelleiros e o voto estaba máis barato, por dicilo dalgunha maneira. «Pero ben, votáronnos ata algúns asturianos censados aquí, que mo dixeron pola rúa, e naturalmente estamos moi contentos».

«Ribadeo no mundo», que repite Fernando Suárez, o máis que estará este verán coas Catedrais, o faro, a ría, a A-8, a boa cociña.

fernando suárez (Bng) continuará en ribadeo con maioría absoluta