«Vivo porque non teño móbil»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA O VALADOURO / LA VOZ

O VALADOURO

Hoxe falará de Castelao no Museo Provincial do Mar, en San Cibrao, ás 19.00 horas

27 abr 2016 . Actualizado a las 17:44 h.

«¿Fixen 72 ou 73?». Ao outro lado do teléfono afástase un pouco do auricular Manuel Lourenzo, dramaturgo natural de O Valadouro, para facer a pregunta. Dende a súa casa de A Coruña aclara finalmente: «Si, teño 73, que os cumprín hai uns días».

-¿Segue sen móbil?, ¿por que?

-Si, e vivo porque non teño móbil. Se vou ao monte, teño máis seguridade se vou con alguén que leva móbil. Como raramente ando só, para min non hai problema... ou sexa, que me aproveito da molestia dos outros. Eu non quero naufragar e esas cousas excítanme moito. Se o estou pasando ben, lendo ou traballando, empezan as interrupcións e o móbil é un dos elementos que me molestan, igual que o ordenador, que é antiestético e no que tes que falar para unha pantalla. Tampouco o teño, a miña muller si. Eu escribo a máquina ou a man.

-Lembro as Olivetti pero era un sufrimento cando o dedo se metía entre as teclas. ¡Como doía!

-Escribo nunha que tiña nos anos 70 e puxen de número un, porque debín ter case 20 máquinas. Olivetti tiven, pero eran grandes e duras. Na aldea teño tres ou catro, incluso algunha eléctrica que me regalaron e aínda non sei nin como funcionan. Teño unha Pluma 22, que era das máis baratas. Resulta que me gusta moito o tecleo e ten a letra pequena. Teño esa, que é antidiluviana... só mirando o maletín, está absolutamente corrompido, é tremendo. Outras téñoas escondidas, para non velas. Son manías. Unha vez no Centro Dramático Galego estaba Roberto Vidal Bolaño que facía un papel. Tiñamos moito contacto, eu ía á casa del e ás veces saíamos polas noites, polo Santiago, cando eu estaba por alá. Unha vez, encomendáronlle unha serie de estudiantes para televisión. Un día botou unha maldición porque no medio dunha tormenta se lle borraran dous capítulos da serie na ordenador. ¡Se me pasa a min...!

-E coa Internet, ¿como fai se hai que buscar información?

-Teño amigos que me buscan estudos que aparecen... como en Internet está todo. Eu estoume servindo diso, como faría un caco. Pero eu traballo todo o día, así que pedir algún privilexio non custa nada.

-¿Que vida social lle gusta facer?

-Eu non vou a ceremonias pero vou ao teatro, collo o tren para ir a ver cousas... se hai que moverse, un móvese.

-Tampouco ten coche.

-Nunca tiven na vida nin sei conducir, só a bicicleta. Se quero ir a Lugo, non sei se son dúas horas, para ir ao Valadouro teño que chegar primeiro a Mondoñedo tras un trasbordo e coller alí un taxi. Penso que estamos peor que nos anos 50. Hai tempo que non vou en autobús, pero ía un fillo meu e, non sei, algo así como dúas horas leva para porse en Mondoñedo. Está moi mal servido o país.

-¿Cal foi a última función teatral que tivo ocasión de ver?

-Antonte [o pasado domingo] no auditorio municipal de Ourense onde estreei Gretel e Bela, unha viaxe do mundo rural, de bosques, a un mundo de cidade.

-¿Cando teremos ocasión de ver esa obra súa aquí?

-Eu coñezo as actrices que a fan, pero non sei que mapa teñen.

-¿Sente algo no estómago cando actúa ou estrea obra aquí, na súa terra natal?

-Fixen Medea no Valadouro e este ano quería levar Xente de pálida pel baseada en Cunqueiro. Cando lin esa frase que está no Hamlet de Cunqueiro pensei que Elsinor é para min coma Mondoñedo, dos que diciamos que eran moi brancos porque non vían o sol nunca. Elsinor parece bastante Mondoñedo.

-Cada día falamos máis con termos anglosaxóns. ¿Que pensa?

-É unha parte da reducción idiomática e linguística que está habendo. Haberá 4 ou 5 anos estaba eu nunha terraza en Portugal e non sei que dicían. Noutra tamén sentín unhas frases e dixen que aquilo xa non era portugués. E o escoitas aquí. Boto maldicións constantemente porque a xente que sae de escolas de treatro din «que dixechesme», non hai ruído que o soporte. Hai unha desinformación e non preparación atroz. Xa non digo o vocabulario, pero na sintase é horroroso o que está a pasar, un empobrecemento total. Pero low cost e outlet xa sabe todo o mundo que son.

-¿Como ve o futuro que se nos presenta, a nivel de novas tecnoloxías ou lingüístico, logo?

-Eu non me asusto, se o mundo quere levar eses camiños que os leve pero que non me obriguen a min, nin por tortura. As frases enténdense como se queren entender, iso tamén no teatro.