Mondoñedo, unha sentimental fantasía

Fran Bouso

MONDOÑEDO

04 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimos de encetar o mes de xullo que, xunto co de agosto, é un dos meses nos que máis turismo se recibe por estas terras. Estamos pois a recoller unha colleita sementada desde hai moitos anos e abonada de ben diferentes formas, tamén co cine ou o audiovisual.

Unha das primeiras iniciativas de promoción turística que realizaron en conxunto as catro deputacións provinciais de Galiza data do ano 1929, trátase do documental “Un viaje por Galicia”. Esta película foi realizada con motivo da Exposición Iberoamericana de Sevilla e pretender dar a coñecer as paisaxes e monumentos de Galicia nun percorrido polo máis destacado do seu territorio. Luis R. Alonso dirixiu este documental que se conserva en perfecto estado grazas á restauración que fixo o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) no ano 1991.

Na década dos noventa do pasado século houbo unha febre por facer vídeos de promoción turística dos diferentes territorios como “Mondoñedo, una sentimental fantasía”.

Os servizos técnicos de difusión da Deputación Provincial de Lugo realizaron, con guión de Xe Freyre, este traballo no ano 1996. Comeza e remata o vídeo cunhas imaxes aéreas do val do Valiñadares filmadas desde un helicóptero. Gravouse no interior da Cova do Rei Cintolo e, por primeira vez, fixeron pasar os cabalos que baixan para a feira das San Lucas por diante da Catedral para incluír esta singular secuencia na peza. Un zoom sobre o rosetón da Catedral desde o exterior e un posterior contrazoom no interior permiten ao espectador entrar na basílica dun xeito totalmente diferente ao habitual.

Historia, literatura, música, arquitectura, natureza e demais excelencias do lugar están recollidas neste vídeo gabadas cunha coidada narración.

O escritor, investigador e divulgador Xe Freyre, nacido no mindoniense barrio dos Muíños o 20 de abril de 1962, foi o encargado de elaborar o guión técnico e literario deste vídeo divulgativo. Este guión, dunha elevada calidade e que foi empregado como modelo para impartir cursos sobre elaboración de textos para audiovisuais, tivo dúas versións: unha en galego e outra en castelán. Finalmente, o filme foi editado unicamente en castelán porque a produtora entendía que iría destinado á promoción da localidade fóra de Galiza.

Neste momento está en fase de preprodución a adaptación a linguaxe audiovisual da novela de Xe Freyre “Cando o gato mira de esguello”, un proxecto que conta coa colaboración de Andrea Rilou como guionista.

Este verán Mondoñedo está de cine, gocémolo, pois.